ABANCA e os comerciantes do Rosal impulsan cun convenio o crédito
O acordo pon a disposición dos asociados produtos especialmente deseñados e con condicións financeiras máis atractivas
O banco e a asociación sectorial buscan unha mellora da competitivade dos negocios actuais e a posta en marcha de novos proxectos
Infogauda / O Rosal
ABANCA e a Asociación de Comerciantes do Rosal (ACOR) acaban de renovar a súa colaboración en materia financeira, co obxectivo posto en mellorar o acceso ao crédito e a competitividade dos autónomos e pemes desta localidade pontevedresa.
O presidente de ACOR, José Martinez González, e o director de zona de ABANCA no Miñor e Baixo Miño, Enrique Marticorena Rodelgo, rubricaron un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co pequeno comercio do Rosal e de Galicia.
O convenio recolle unha ampla e competitiva oferta de produtos deseñados para este fin, entre os que destacan préstamos para anticipar subvencións ou aprazar o pago de impostos, sen xuros ou comisións. O texto asinado tamén recolle outras opcións de financiamento a través de pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto.
Ademais, e para facilitar a competitividade no mercado dos asociados, os clientes dos negocios accederán ao novo servizo de financiamento no punto de venta de ABANCA, chamado APLAZOS. Deste xeito, permítese simplificar e axilizar o financiamento instantánea de produtos e servizos.
Os profesionais pertencentes a esta asociación poderán acceder ás vantaxes que ofrece o novo Programa Cero Comisións, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.
Plan Activamos
Do mesmo xeito, os comerciantes do Rosal terán á súa disposición as liñas de financiamento especial incluídas no Plan Activamos, unha iniciativa froito dun convenio entre ABANCA e a Deputación de Pontevedra co obxectivo de impulsar o desenvolvemento socioeconómico da provincia. Este programa inclúe, entre outras opcións, préstamos para a posta en marcha de novos negocios, financiamento de novos investimentos, cobertura de necesidades de circulante ou crédito para a creación de emprego en condicións moi vantaxosas.
Dende a rede comercial de ABANCA tamén se facilitará a información relativa ás opcións de financiamento a través dos convenios do ICO, Igape e SGR. A entidade financeira tamén porá a disposición de todos os asociados xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica.
A Asociación de Comerciantes do Rosal agrupa os intereses dos autónomos e pemes da localidade do Baixo Miño, que exercen a súa actividade en sectores estratéxicos. ACOR traballa intensamente por garantir a viabilidade do comercio local e axudar a promover o desenvolvemento económico e social do municipio. ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para o tecido produtivo.
(R.)

Ningún comentario:
Publicar un comentario