29 de set. de 2015

GALICIA

42 persoas con enfermidade mental e acompañantes comezan mañá o Camiño de Santiago

Os peregrinos de FEAFES Galicia realizarán tres tramos do camiño francés para chegar á capital galega o venres 2 de outubro.

Con esta iniciativa, os participantes queren loitar activamente contar o estigma que sofre o colectivo de persoas con enfermidade mental.


Ana Escrigas Rodríguez / Santiago

 A Federación de Asociacións  de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, realizará por sexto ano consecutivo o Camiño de Santiago, unha actividade na que participarán máis de 40 peregrinos entre os que se atopan persoas con enfermidade mental, monitores e un pequeno grupo de familiares.

 O percorrido comezará mañá, mércores 30 de setembro, en Salceda (O Pino) e a chegada a Compostela está prevista para o venres 2 de outubro pola mañá. O itinerario, que se corresponde co último tramo do Camiño Francés, abrangue máis de 28 quilómetros. Na primeira etapa, os participantes percorrerán os 8 quilómetros que separan os lugares de Salceda e Arca, ambos no concello de O Pino. Na segunda xornada, os peregrinos camiñarán os 15,8 quilómetros que hai dende Arca ata o Monte do Gozo, onde pasarán a noite. O último día, venres 2, percorreranse os 4,5 quilómetros que quedan ata chegar ó casco histórico compostelán.  

 Está previsto que cada unha das etapas se realice pola mañá, de tal xeito que pola tarde os monitores de FEAFES Galicia e das asociacións participantes organizarán unha serie de dinámicas para que os peregrinos se coñezan entre si, socialicen e teñan un tempo de recreo e distensión. 

 Unha vez cheguen a Compostela, todos os participantes recibirán un certificado que acredite que percorreron ese tramo do Camiño de Santiago e asistirán á Misa do Peregrino na Catedral. Ese mesmo día, venres 2 de outubro ás 12:45, haberá unha recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi por parte da concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e outros membros da corporación municipal, despois da cal os peregrinos gozarán dunha comida de confraternidade nun restaurante do casco histórico.

 Este é o sexto ano que o Departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia organiza esta iniciativa. Desta vez participan as asociacións Apem (A Coruña, Betanzos, Cambre, Carballo e Cee), Morea (O Barco de Valdeorras), Afaes Portanova (Narón) e Andaina (Ordes e Dodro), todas elas integradas na Federación. Ademais dos usuarios das asociacións, tamén participarán nesta actividade un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que ten FEAFES Galicia nas súas diferentes delegacións (A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago). 


 As actividades de ocio e deporte que organizan FEAFES Galicia e as súas asociacións membro axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ós familiares na súa tarefa de coidadores. 

Loita contra o estigma  

 Con esta iniciativa, FEAFES Galicia quere amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con enfermidade mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas. Esta viaxe de tres días tamén serve para que as persoas con enfermidade mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Do mesmo modo, ten un factor lúdico rehabilitador porque permite que os participantes se integren na sociedade e participen en plans colectivos.

 FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario