8 de set. de 2015

ENSINO

A CIG-Ensino denuncia que o inspector do IES da Sangriña impídelle ao centro ofertar unha materia alternativa á relixión en Bacharelato

A CIG-Ensino denuncia que a Xefatura territorial de Educación de Pontevedra segue a incumprir a Orde que fixa os cadros de persoal nalgúns centros


CIG-Ensino

A CIG-Ensino denuncia que no IES da Sangriña a inspección educativa pretende obrigar, de maneira indirecta, a que un grupo de alumnado de Bacharelato teña que cursar relixión. O Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato recolle a posibilidade de que os centros oferten materias de libre configuración. De acordo con isto e como o resto dos centros, o IES da Sangriña ofertou a materia de Técnicas de disertación e debate. Mais o inspector do centro negou a autorización reiteradamente, a pesar de que a materia conta con 16 alumnos inscritos desde o mes de xuño e de que se lle fixo saber que a denegación da autorización da materia se traduce na práctica na obriga, para o alumnado, de ter que cursar relixión.

A CIG-Ensino denuncia esta situación, pois significa obrigar o alumnado afectado a cursar relixión, e o centro a refacer os grupos previstos de acordo coa oferta e as matrículas realizadas. A CIG-Ensino esixirá ante a Xefatura Territorial que se acepte a materia ofertada polo centro, de acordo co expresado polo Inspector Xefe en reunión mantida cos directores e directoras no pasado mes de xuño (que se atenderían as propostas dos centros) e co que recolle o Decerto antediro

A CIG-Ensino denuncia tamén que a Xefatura territorial de Educación de Pontevedra segue un ano máis a incumprir a  Orde do 12 de agosto do 2010 polo que se establece o número de unidades e postos de traballo docentes en educación infantil, primaria e educación especial.

É o caso do CPI Suárez Marquier do Rosal e o CEIP de Barrantes en Tomiño que seguen sen contar con todo o profesorado que lle corresponde por catálogo. Para a CIG-Ensino é inadmisíbel que a Xefatura territorial actúe deste xeito, incumprindo a lexislación vixente e poñendo en entredito o traballo dos centros.

A CIG-Ensino volveu reclamar estas prazas no proceso de negociación deste curso, sen que a Xefatura Territorial atendese esta lexítima demanda dos centros. Por este motivo a CIG-Ensino chegou presentar un recurso polo incumprimento da Orde de Catálogos que está pendente de resolución, despois de que en xuño recibísemos unha sentenza que nos recoñece a lexitimidade a presentar recurso polo incumprimento desta orde.

A CIG-Ensino ten tamén que denunciar que a Xefatura Territorial segue sen atender a petición dos centros de Primaria de Tui de incrementar a dotación de profesorado de Audición e linguaxe de acordo coas necesidades que teñen os centros. Esta petición está debidamente documentada polos centros, mais como xa denunciou a CIG-Ensino no mes de xullo, vese coartada pola imposición dos recortes da Consellaría que deu instrucións á inspección educativa para que se continúe recortando profesorado nos centros educativos. Así, e por mor destes recortes, a Consellaría non  atende as solicitudes dos centros educativos, como sucede no caso do Concello de Tui en que todos os centors de Primaria solicitan o incremento dun profesor máis de Audición e Linguaxe (AL) para atender debidamente as necesidades de todos os centros do concello.


Baixo Miño, 8 de setembro de 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario