11 de set. de 2015

DEPORTES

O cangués Miguel Gutiérrez, campión do III Campionato de Pingpong pola saúde mental
·          No torneo, celebrado en Cangas, participaron sete asociacións de saúde mental e congregou a arredor de 100 participantes de toda Galicia.

·    O obxectivo deste encontro é promover a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e fomentar a práctica de ocio normalizado.




Ana Escrigas / Santiago

 A asociación de saúde mental Doa, xunto á Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, celebrou este venres día 11 de setembro, o III Campionato de Pingpong pola saúde mental.  Tratouse dun encontro lúdico e deportivo no que participaron sete asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma.

 O torneo tivo lugar no Pavillón de Romarigo, en Cangas do Morrazo, e nel enfrontáronse un total de 50 participantes, todos eles pertencentes a sete asociacións e delegacións de FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Apem (Cee), Avelaíña (A Guarda e Baiona), Doa (Cangas e Vigo), FEAFES Santiago, Morea (O Barco de Valdeorras) e Portanova (Narón). A eles sumáronse outros tantos acompañantes que disfrutaron do evento dende as gradas.

 A xornada transcorreu con moi bo ambiente dende as 10:00 da mañá, hora á que comezaron a chegar os primeiros participantes. Media hora despois daban comezo os partidos individuais que se xogaban simultaneamente en 12 mesas dispostas para a ocasión. Arredor das 14:00 proclamábase campión o cangués Miguel A. Gutiérrez, pertencente á asociación Doa, non se antes vivir unha final e unhas semifinais cheas de emoción.

 O contrincante de Gutiérrez no partido final foi Darío Vila, da asociación Morea de O Barco, que acadou o segundo posto. Tras el, Emilio Figueiredo e Manuel Bermúdez lograron o terceiro e cuarto posto da clasificación. Ademais dos trofeos que recibiron os galardoados, todos os asistentes foron agasallados cunha medalla para premiar a súa participación, e a continuación, celebrouse un xantar de convivencia no Camping Cangas da Praia de Liméns.

 O Campionato de Pingpong da asociación Doa e FEAFES Galicia ten como obxectivo "promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social" que sofre este colectivo. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.




 FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios.

 A Asociación Doa, entidade membro de FEAFES, leva dende o ano 1986 loitando por mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental en Vigo e dende o ano 2007 na península do Morrazo. A súa misión e promover a rehabilitación psicosocial das persoas con enfermidade mental severa e incrementar a su calidade de vida e a das súas familias. 

 Doa conta con dous centros de rehabilitación psicosocial, sete pisos protexidos, servizo de información, atención a domicilio e outros recursos cos que tentamos mellorar a saúde mental e o benestar dos nosos usuarios dende unha perspectiva centrada na persoa e as súas necesidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario