ORPAGU E O CONCELLO PRESENTAN A SEGUNDA EDICIÓN DE “ESPADA EN TAPAS”
A Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) en colaboración cos hostaleiros locais ofrecerán degustacións de peixe espada gratuítas nas dúas últimas fins de semana de setembro
O alcalde de A Guarda - no centro da imaxe - e a Concelleira de Turismo, con unha representación do sector hostaleiro guardés, na presentación da II edición de Espada en Tapas
Fotos: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
A Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) en colaboración cos hostaleiros
locais ofrecerán degustacións de peixe espada gratuítas nas dúas últimas fins
de semana de setembro.
Tras o éxito da primeira edición, a Organización de Palangreiros Guardeses,
en colaboración co Concello de A Guarda, o Ministerio de Agricultura,
Alimentación e Pesca e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, poñen en marcha a
segunda edición de “Espada en Tapas”, unha iniciativa na que colaboran once
restaurantes locais e que permitirá servir degustacións de peixe espada
gratuítas nas dúas últimas fins de semana de setembro.
Desta maneira, o venres 18, sábado 19 e domingo 20, e a fin de semana
seguinte, os restaurantes Aparthotel Marouco, Brisamar, Carla, Gaviota,
Jamonería Anabel, La Pizzicata, Marusía, O Cangrexal, Os Remos, Trasmallo e Xeito ofrecerán de 12:00 a 13:30 horas e de 19:00 a 21:00 horas, tapas de peixe
espada totalmente gratis.
De esquerda a dereita, Montserrat Magallanes Álvarez, Antonio Lomba Baz e Juana Parada
“A unión de esforzos é fundamental para o desenvolvemento da economía local
e o impulso do noso potencial turístico e gastronómico. OR.PA.GU. facilitará ós
once restaurantes participantes a materia prima para que eles elaboren nas súas
cociñas as mellores tapas de peixe espada”, explicou Juana Parada, xerente de
OR.PA.GU., na presentación do evento.
Pola súa banda, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, Baz tamén presente nesta
presentación afirmou que esta é unha iniciativa “especialmente atractiva”.
“Este evento une os dous puntos estratéxicos de A Guarda, a pesca e o turismo”,
afirmou Lomba.
Montserrat Magallanes Álvarez, Concelleira de Turismo, comentou que dende o
Concello sempre estarán abertos a colaborar con este tipo de iniciativas. “Son
dous piares fundamentais unidos polo que é moi interesante”, afirmou a
Concelleira.
O Concello de A Guarda, polo tanto, colaborará dinamizando as rúas da vila con música en directo e entregando ós establecementos participantes unha
fotografía profesional da súa receita e un diploma.
Revoltillo de peixe espada, unha das moitas presentacións gastronómicas do espadarte
Como a intención é premiar ó consumidor, todos os participantes de “Espada
en Tapas” terán a oportunidade de gañar unha cesta de produtos de peixe espada
deixando, simplemente, os seus datos persoais nas urnas que se disporán nos
diferentes restaurantes participantes.
Na presentación, os xornalistas degustaron as
tapas para escoller unha ganadora e distinguir o establecemento cun diploma que
o acredite. O resultado darase cando remate o evento.



Ningún comentario:
Publicar un comentario