A través dunha moción que presentará no pleno de hoxe
O PP da Guarda propón crear un punto de información na entrada á Casa do Concello para facilitar as xestións á cidadanía, facendo accesible o consistorio
Xunto co control do botellón na zona da Alameda para evitar perxuicios e actos vandálicos perpetrados por uns poucos, e a seguridade vial na Rúa do Porto para evitar accidentes, serán as prioridades para o PP no pleno deste xoves día 24 as 20.00 horas, no que tamén leva unha moción sobre protección civil de A Guarda.
Conchi Ortega Martínez - no centro da imaxe - cos demáis membros do Grupo Municipal do Partido Popular na Corporación Municipal de A Guarda
Foto: G.M.P.
Infogauda / A Guarda
O Partido Popular de A Guarda proporá ao Goberno municipal a creación dun punto de información na entrada da Casa do Concello, que facilite as xestións da cidadanía, resolvendo as dúbidas dos veciños que non saben a que departamento acceder, a que planta subir ou a que técnico dirixirse.
Segundo explica a voceira do Grupo municipal do Partido Popular, Conchi Ortega Martínez, “cando os veciños e visitantes da Guarda entran no concello para facer algunha xestión atópanse perdidos, non saben si deben subir de planta ou non, non saben se hai alternativas ás escaleiras ou a quen dirixirse”. Por este motivo, o PP presentará unha moción no pleno municipal próximo para por en marcha este punto de información que guíe ás persoas que teñen que facer algún tipo de xestión ao departamento adecuado, así como asesorarlles do trámite a realizar. Trátase, en definitiva, “de dirixir e responder as dúbidas dos usuarios, xa que esta información é un xeito de facerlles accesible a burocracia que supoñen todos os trámites que hai que realizar nun concello”.
Ademais, tamén solicitan "(...) que inclúan paneis na entrada indicando cada un dos departamentos municipais, cun pequeno esquema das funcións de cada un".
Ningún comentario:
Publicar un comentario