27 de ago. de 2015

MÚSICA

Os brasileiros Terra Prometida e Dada Yute presentan o VI Minho Reggae Splash no Paseo de Alfonso

 A conta atrás para a celebración do Minho Reggae Splash xa comezou, e este venres dúas das bandas máis representativas do reggae brasileiro serán as encargadas de presentar a sexta edición do festival que acollerá o Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño), o 4 e 5 de setembro

Xoan Lois Vila / Vigo

 Como vén sendo tradición dende hai seis anos, co fin do verán chega o festival de reggae máis importante de Galicia, que este ano cumpre seis anos mantendo o espírito que a asociación viguesa Minho Reggae lle imprimiu dende os inicios. Unha aposta pola diversidade cultural, o respecto, a sustentabilidade e a calidade musical como o demostran os brasileiros Terra Prometida e Dada Yute, que logo de pasar polo festival Rototom Sunsplash, chegan a Vigo este venres, a partir das 21.00 horas dentro do ciclo de concertos do Paseo de Alfonso, cun pequeno avance do que porán riba do escenario en Goián.
  

    Terra Prometida

 A tradición da música brasileira e o reggae fusiónanse na música destas dúas bandas que son un bo exemplo das novas tendencias que chegan dende a outra marxe do Atlántico dentro das músicas xamaicanas. Terra Prometida chegan dende Brasilia cunha longa traxectoria que comeza en 2001 e que chega até hoxe en día. Tempo no que mudaron o seu nome orixinario, publicaron varios traballos e no que evolucionaron até o son que presentan na actualidade. Dende San Paulo chega Dada Yute & Royal Reggae Band encabezada por Cauê Granello, ex vocalista do grupo Leões de Israel, outro dos grandes nomes do reggae brasileiro.
 Unha oportunidade única para coñecer estas dúas bandas que tocarán por primeira vez en Galicia e que se suman a outros grupos brasileiros como Rutera, Habitantes de Zion, Ukiemana ou Nova Raíz, que nos últimos anos visitaron a cidade Olívica da man da asociación Minho Reggae, que continúa así fomentando o estreitamento de lazos entre Brasil e Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario