26 de ago. de 2015

A GUARDA

O CONCELLO PRESENTA UN PROGRAMA DE ACOMPAÑAMENTO E TUTORÍA PERSOAL, E UN LABORATORIO DE IDEAS

Está destinado tanto a persoas que xa teñen ideas de negocio como as que teñen capacidades e cualidades pero aínda non teñen esa idea. Tamén a empresarios que teñen un negocio xa iniciado dende fai pouco tempo ou para persoas que participen en grupos de voluntariado.

A alcalde da localidade Antonio Lomba Baz  (2º pola dereita), xunto co Concelleiro de Emprego Manuel Javier Crespo González; a deputada provincial para o Emprego Montserrat Magallanes Álvarez e Susana Rodríguez - Foto: C. A. G.


Infogauda / A Guarda

 Na mañá do mércores día 26 de agosto, presentouse na Casa dos Alonso o Programa de Formación e Emprego do Concello para o curso 2015-2016. Neste acto, no que estivo presente o alcalde da localidade, Antonio Lomba Baz, xunto co Concelleiro de Emprego Manuel Javier Crespo González e a deputada provincial para o Emprego, Montserrat Magallanes Álvarez informouse, tanto os medios coma a todas aquelas persoas interesadas, dos dous novos proxectos.

 A encargada de explicar polo miúdo estes programas foi Susana Rodríguez, quen será a encargada de levalos a cabo coma responsable do equipo do Grupo Arestora.

 O primeiro deles, nomeado como “Programa de acompañamento e mentoring persoal para o autoemprego” está concibido coma unha continuación do curso de “Dinamización de emprego: sementa o teu futuro”. O obxectivo deste acompañamento é fomentar as metas, a creatividade e, entre outras, a creación de empresas a través de sesións de mentoring, de coaching tanto grupal como individual e diferentes grupos de apoio. “Un dos retos máis importantes é crear redes de colaboración”, afirmou Susana na presentación.

 Este programa está destinado tanto a persoas que xa teñen ideas de negocio como as que teñen capacidades e cualidades pero aínda non teñen esa idea. Tamén a empresarios que teñen un negocio xa iniciado dende fai pouco tempo ou para persoas que participen en grupos de voluntariado.

 Non hai límite de idade, os horarios serán flexibles e está pensado para que sexan seis meses de duración e teñan dúas sesión cada mes.

Vista parcial das autoridades e público asistentes á presentación do programa Foto: C. A. G.

 O outro programa, denominado “Laboratorio de Ideas Emprendedoras A Guarda”, ten coma obxectivo traballar as ideas de forma grupal para aproveitar ó máximo os recursos. Este laboratorio terá dúas fases; a primeira delas tratará de fomentar a creatividade, de facer un mapa dos camiños a seguir para poder concretar ese primeiro xerme. 

 A segunda fase baséase na consolidación da idea e na creación dun grupo de traballo. O Concello, así, facilitará un espazo no que se podan proxectar esas ideas empresariais.

 O laboratorio está destinado a xoves guardeses que están a estudar ciclos ou estudos universitarios e teñan inquedanzas que queiran levar a cabo.

 De novo o horario será flexible e continuado, a duración aproximada de seis meses e as sesións dúas cada mes.

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, mostrouse moi ilusionado nesta presentación. “Nós somos parte deste proxecto. Desexamos que funcione, non sabemos como será o futuro. O que nos propoñemos é un reto e unha experiencia”, afirmou Lomba.

 O prazo para anotarse nestes dous proxectos, que se materializan grazas ós orzamentos municipais, xa está aberto. Todas aquelas persoas interesadas poden informarse tanto nas oficinas da OMIX coma de AEDL, do Concello da Guarda.

 As sesións presencias, tanto do mentoring (tutoría) coma do laboratorio, e tamén as salas de cooworking, serán na Casa de Oficios de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario