8 de maio de 2015

PEITIEIROS (GONDOMAR)

Este domingo día 10 de maio Peitieiros celebra as Letras Galegas entregando os premios do II Certame literario

O acto rematará coa actuación do grupo de teatro Bertorella que representará O Tiriñas, sobre un relato de Victoriano Taibo     


CCV de Peitieiros / Gondomar

 Este domingo 10 de maio ás 19:00 h. o Centro Cultural de Peitieiros organiza a festa das Letras Galegas.   

 Durante o acto entregaranse os premios do II Certame Literario. Nesta ocasión contamos no xurado coa presenza da profesora Aurora Fontán e os escritores Marta Dacosta, en nome da Directiva do CCV, e Pedro Feijoo, todos eles veciños de Peitieiros. Será precisamente el e elas quen entregue os premios en cada unha das dúas categorías ás que se presentaron 28 persoas. O premio consistirá nun certificado e un lote de libros, entre os que estarán exemplares asinados dos escritores que forman parte do xurado. O nome das gañadoras ou gañadores darase a coñecer no propio acto, en que serán abertas as plicas.   

 O acto rematará coa actuación do grupo de teatro Bertorella que poñerá en escena a obra “O Tiriñas” montada sobre un relato de Victoriano Taibo. Este grupo de teatro amador está dirixido por Luís Carballo e integrado por máis dunha ducia de persoas.   

 O CCV de Peitieiros agradece públicamente a Teatro Bertorella e a Pedro Feijoo e Aurora Fontán a súa colaboración, pois é a que fai posíbel este acto, e convida a todas as persoas a participaren nesta celebración da nosa lingua e da nosa literatura.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario