6 de maio de 2015

GALICIA

FEAFES Galicia imparte obradoiros dirixidos a mulleres con enfermidade mental
·       Estes talleres forman parte do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Secretaría Xeral de Igualdade.

·       O seu obxectivo é desenvolver as capacidades e habilidades de mulleres con discapacidade por enfermidade mental dotándoas de ferramentas para mellorar a súa calidade de vida.



Ana Escrigas /Santiago

 A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES Galicia, imparte durante as vindeiras semanas varios obradoiros dirixidos a mulleres con enfermidade mental. Cofinanciados polo Fondo Social Europeo e pola Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, estes cursos intégranse dentro do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental que desenvolve FEAFES Galicia.

Segundo o censo de persoas con discapacidade, na nosa comunidade hai máis de 41.500 persoas con certificado de minusvalía por enfermidades mentais, o que supón un 16% do total situándose como a segunda causa máis frecuente de discapacidade en Galicia despois da física.

As mulleres con trastorno mental grave sofren unha tripla discriminación: o estigma asociado ó padecemento dunha enfermidade mental, o rexeitamento que provoca a discapacidade derivada da enfermidade mental e a discriminación provocada nesta sociedade polo feito de ser muller. É por iso que FEAFES Galicia busca apoiar os procesos de integración social destas mulleres, mellorar o seu benestar físico e aumentar o seu propio estima a través da participación activa na comunidade.


Os obradoiros que se imparten estas semanas no marco do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental pretenden mellorar as capacidades e habilidades deste colectivo, dotando a estas mulleres das ferramentas necesarias para facer fronte ó seu día a día dun xeito eficaz e contribuíndo así á mellora da súa calidade de vida.

Os obradoiros serán impartidos por diversos profesionais de FEAFES Galicia e realizarase en cinco cidades galegas. Deste xeito, o mércores 6 de maio as accións formativas terán lugar na Coruña, o luns 11 en Vigo, o mércores 20 en Lugo, o venres 22 en Santiago e o xoves 28 en Ourense. Deles beneficiaranse máis de 60 mulleres con enfermidade mental e abordaranse temas como o autoestima e o autocoidado, a psicoeducación, a prevención dos malos tratos ou a afectividade e a sexualidade.

FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de  Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega e 4 delegacións nas 4 provincias, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios.


Ningún comentario:

Publicar un comentario