5 de maio de 2015

A GUARDA

Ángel Baz, candidato do BNG-AA, propón o traslado do museo do Monte Trega ao centro da Guarda 

“A creación de atractivos turísticos fará que a xente visite a vila, non só o monte” 

“O BNG-AA aposta pola planificación, o diálogo co pobo e o traballo constante” 
Ángel Baz, candidato á Alcaldía de A Guarda, polo Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas (BNG-AA)

Infogauda / A Guarda

 "A creación dun punto de atracción turística no centro da vila pode supor o que A Guarda precisa para que boa parte dos milleiros de visitantes que soben ao Tegra paren no centro da Guarda", esa é a conclusión que ven de facer pública Ángel Baz, candidato á Alcaldía de A Guarda, polo Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas (BNG-AA). 

 "A nosa idea vai moito máis alá de realizar un simple traslado, o Museo do Tegra ten capacidade máis que suficiente para actuar como un polo de atracción no centro da Guarda e formar un gran conxunto turístico-cultural co Museo do mar, a día de hoxe claramente infrautilizado, o Castelo de Santa Cruz, a Muralla da Guarda, as Casas Indianas, ou a riqueza etnográfica do porto e o casco vello" explicou o candidato Ángel Baz sobre esta idea. 

 Asemade, Ángel Baz non dubida en relembrar: "É habitual en multitude de zonas turísticas que os espazos museísticos se atopen no centro urbano e o positivo impacto económico que isto supón para o comercio e a hostalaría locais resulta innegable. Na Guarda contamos co máis importante xacemento arqueolóxico do país e é normal que esta riqueza, da que nos sentimos orgullosos, revirta no pobo da Guarda". 

 Esta é unha das iniciativas que a candidatura do BNG-AA na Guarda con Ángel Baz á cabeza, propón "(...) para un cambio político cara a transformar o concello da Guarda. Un novo xeito de facer política no que a planificación, o diálogo permanente co pobo, e o traballo constante, serán os seus sinais de identidade". 

 En decraracions a Infogauda, Ángel Baz salientou: "O programa do BNG-AA amosa a idea dun modelo de concello aberto, habitábel e accesíbel. Un concello dinámico onde a combinación da contorna, a potenciación do patrimonio xunto cunha atractiva oferta comercial, turística e cultural converte á Guarda nunha aposta de futuro xeradora de emprego e benestar. 

 A posta en valor do monte Trega como atractivo turístico, un plan de tráfico que contemple a distribución axeitada de infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento converterán á Guarda dun concello aberto e accesíbel. 

 A posta en marcha un plan turístico, un plan de promoción turística no exterior e un plan de comercio local cunha aposta firme pola potenciación de contornas comerciais, como a da praza de abastos, como factor primordial de fomento e creación de emprego". 

 “Na miña acción de goberno a política social e a política en igualdade van ser fundamentais como apoio as persoas que están sufrindo a crise económica na que nos meteron”, comentou Ángel Baz, candidato do BNG-AA á alcaldía da Guarda. 

 "Para o BNG-AA a cultura e do deporte debe ir ligado a participación cidadá polo que poñeremos en marcha unha axenda cultural estábel e a creación de escolas municipais deportivas, así como a potenciación de eventos deportivos e culturais como atrainte económico para a localidade", afirmou Ángel Baz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario