CULTURA
Presentación do libro “Mil Ríos” de Manuel Sendón e Fran Herbello no IEM
IEM / Gondomar
Manuel Sendón
presentará este xoves 9 de abril, ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de
Rosas, Mil ríos, libro feito en co
autoría co tamén fotógrafo Fran Herbello no que documentan 34 expedicións en
piragua polos ríos de Galicia. A obra, de 324 páxinas, contén textos
introdutorios a cargo Pedro de Llano e Federico López Silvestre, e 224 imaxes
captadas ao longo desta aventura acompañadas coas súas respectivas bitácoras e
gráficas do percorrido.
“Decidimos
percorrer os ríos, achegarnos ao descoñecido dende o que a nós nos resulta máis
familiar, o mar. Subir a corrente ata onde nos sexa posíbel para así botarlle un
pulso amigábel: de ti a ti. Como non facelo
no “país dos mil ríos”?” comentan
os autores na web onde reflectiron paso a paso esta aventura.
Sinalan que ao
longo de tres anos navegaron nunha piragua amarela de tres metros e medio “que
nos deixa o corpo amolado aos 20 minutos
e que o adormece ás dúas horas”, mais
que permitía enfrontar a viaxe cun punto de vista moi próximo á auga, “no
seu mesmo plano”.
Os fotógrafos
decidiron autoeditar o libro tras as negativas de la Consellería de Cultura e
a Deputación de Pontevedra, segundo dan
conta. Nel achegan historias que serán presentadas este xoves, como a
imprevisible perda dun dos móbiles con cámara que lles axudaba a documentar a
expedición no río Xallas. O dispositivo estaba conectado a unha nube controlada
polos autores e comezou a aparecer nesta unha serie de imaxes tomadas pola
persoa que atopou o aparello días despois. Parte delas foron seleccionadas e
integran o libro.
O acto contará
cunha presentación a cargo do botánico Xosé Ramón García, membro da Xunta de
Goberno do Instituto de Estudos Miñoranos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario