11 de abr. de 2015

DEPORTES

Este domingo finalizan en A Coruña as competicións da Liga Promoción 4x4 de Hóckey Liña


Participarán os equipos de todas as categorías co ADC Alquimia Inline como anfitrión

O segundo posto da táboa está ocupado por un sorprendente A Guarda HL, os que a pesar do xusto do seu equipo desenvolven un hóckey de boa factura que lles está a dar bos resultados

Miguel Fernández Lomba

 Coa última Sede da Liga 4x4 Promoción á volta da esquina, é quizais un bo momento para facer memoria dos motivos polos que esta competición botou andar e facer unha pequena valoración desta. Recordemos que esta Liga se denomina 4x4 porque se substitúe o porteiro por un taboleiro de madeira perforado nas esquinas inferiores e superiores, así como no seu centro. E Promoción precisamente por iso, porque o único obxectivo desta Liga é dar a coñecer e poñer en valor a disciplina do Hóckey Liña, facilitando a inscrición nesta de equipos de recente creación que aínda non dispoñen nin das proteccións indispensables para os porteiros nin de ningún/a xogador/a coa preparación necesaria para ocupar esa demarcación. O obxectivo cumpriuse, xa que a inscrición de equipos superou mesmo as previsións nalgunhas das categorías. Ademais déronse grandes pasos para que estes mesmos equipos sigan formándose para engrosar a lista de conxuntos de Hóckey Liña da Comunidade Galega.


Lóstregos HL xa é campión na categoría Masculina 

 No aspecto meramente deportivo, e a falta dos últimos partidos, os resultados mostran un claro dominador cun Lóstregos HL de Lugo que se mostra intratable, contando os seus partidos por vitorias xa que é matematicamente campión dende a última Sede disputada o pasado 1 de marzo. O segundo posto da táboa está ocupado por un sorprendente A Guarda HL, os que a pesar do xusto do seu equipo desenvolven un hóckey de boa factura que lles está a dar bos resultados. Na terceira praza encontrámonos o CHL Cabuxos de Lugo, un dos grandes equipos do Hóckey Liña galego que non atravesa o seu mellor momento, debido en boa parte ás complicacións do relevo xeracional do seu equipo. No cuarto posto está o Vigo Blue Ringed, un equipo ben armado e coas ideas moi claras, pero que pagou cara a inexperiencia en competición e algúns erros defensivos. O quinto lugar desta categoría masculina está ocupado por Morcegos de Ourense, os cales a pesar de ter unha posta en escea moi valente nos seus partidos quizais non alcanzaron todos os puntos que merecían. Pechan a táboa clasificatoria os dous representantes da provincia de A Coruña, equipos con pouca rodaxe e recén chegados á disciplina, sendo sexto e sétimo respectivamente Brigantium HL e ADC Alquimia Inline. Ambos os dous, a pesar da súa falta de experiencia e pouca rodaxe, foron de menos a máis ao longo da competición, chegando a ter momentos de auténtica inspiración e bo xogo nas últimas citas ligueiras. 

Lóstregos HL e CHL Meigas dispútanse o título Femenino 

 Todo está por decidir na última Sede, xa que entre Lóstregos HL e CHL Meigas, primeiro e segundo clasificado respectivamente, só hai tres puntos de vantaxe e unha reducida marxe na diferenza de goles particular. A bo seguro que gozaremos dun intenso encontro, no que as xogadoras poñerán todo da súa parte. A terceira praza está ocupada polas rapazas do A Guarda HL, os que a pesar da xuventude e inexperiencia do equipo mostraron un bo nivel nos partidos contra rivais de superior entidade, como son CHL Meigas e Lóstregos HL, solucionando con eficacia os seus encontros contra os conxuntos do seu nivel. En cuarta posición encóntranse as rapazas do ADC Alquimia Inline da Coruña, as cales mostran unha grande orde defensiva e ofensiva en todos os seus partidos, aínda que pagan caros erros froito da inexperiencia. Pecha a clasificación Brigantium HL, o equipo máis inexperto da categoría, pero cheo de ilusión e ganas de aprender que se contaxia, transmitindo todo iso nunha melloría evidente nos lances do xogo ao longo desta liga.

Emoción en Infantil pola segunda praza, pois Lóstregos HL Norte xa é campión 

 No que respecta a esta categoría, o Lóstregos HL Norte xa se proclamou campión na Sede disputada en marzo cun hóckey rápido e directo que resulta demoledor para os seus rivais, que están empatados a puntos, ocupando a segunda e terceira praza A Guarda HL e CHL Meigas respectivamente. Son dous equipos con traxectorias moi diferentes, pero similares na composición dos seus equipos, xa que ambos os dous están formados por un bloque compacto de xogador@s de todas as idades e diferentes niveis. Pecha esta clasificación Lóstregos HL Sur, o equipo menos rodado do club lugués, os que a pesar do bo facer e as ganas demostradas nos seus partidos non conseguiron ningunha vitoria nesta competición. Animámosvos a tod@s a achegarvos este domingo, 12 de abril, ao Pazo dos Deportes de Riazor para gozar a Sede final desta competición. Podedes consultar horarios e clasificacións premendo eiquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario