O PROXECTO SOCHEO RECUPERA FILMES DA GUARDA DOS ANOS 30
• As imaxes recollen escenas familiares e escenas costumistas onde se reflicte a vida da Guarda durante os anos da República
• Proxecto Socheo fai unha convocatoria para sufragar a dixitalización dos filmes
Joaquín García Portela “Costiña”
Foto: Arquivo familiar
Infogauda / A Guarda
O Proxecto Socheo vén de sacar á
luz un grande tesouro audiovisual, uns filmes que recollen imaxes da Guarda na
década do 1930.
Os filmes foron realizados por Joaquín García Portela “Costiña”, un
afamado fotógrafo da Guarda que desenvolveu a súa actividade na primeira metade
do século XX. O pasado nadal, cando as súas netas Joaquina e Celia Martínez estaban a limpar o faiado, apareceu unha
caixa con 8 rolos de películas no formato 9,5 mm da Casa Pathé.
Tras un estudio previo por parte de
Proxecto Socheo sábese que a metade son filmes comerciais (noticiarios,
comedias e relixiosos) e os outros rolos son filmes familiares con moitas
filmacións que reflicten a vida da Guarda durante os anos da Segunda República.
Autor
Joaquín García Portela (A Guarda,
18 de febreiro de 1894 - 14 de xullo de 1957).
Entrou no mundo da fotografía de man do estudo fotográfico guardés Casa Táboas.
Emigrou a Arxentina onde perfeccionou a súa técnica fotográfica. A mediados da
década dos vinte regresou á Guarda e combinou o seu traballo de fotógrafo co de
técnico de radio, chófer e proxeccionista de cinema. Nun principio el e a súa
familia moraban nunha casa no barrio de Laxe Grande, mais a comezos da década
dos corenta instalou o seu estudio na Rúa Concepción Arenal. O seu traballo
fotográfico e a súa bonhomía aínda están moi presentes nas lembranzas dos
veciños da Guarda.
Características dos filmes
Os rolos dos filmes son de 9,5
mm, un formato singular comercializado pola Casa Pathé de Francia en 1925. A
finais da década dos 20 varios fotógrafos galegos adquiriron o proxector para
facer sesións de cinema comerciais ou privadas. Joaquín García Portela mercou o
proxector e unha cámara co que fixo filmes familiares durante os primeiros anos
da década dos 30.
Tralos primeiros visionados hai
unha serie de elementos que permiten aventurarse na datación. Sábese, pola
presenza das fillas do fotógrafo, que son filmes feitos en varios anos xa que
as dúas nenas medran ao longo dos filmes. Tamén aparecen unhas obras no porto
que por medio de fotografías datadas permiten gravitar os filmes arredor do ano
1934. Tras ter en conta estas variables e ata que parezan sinais máis concretas
pódese dicir que estes filmes foron feitos no abano temporal que vai entre
1931-1935. Un período importantísimo onde se sabe que A Guarda recibiu a visita
de etnógrafos, fotógrafos e cineastas como Xaquín Lorenzo “Xocas”, José Suárez
e Carlos Velo. Unhas miradas científicas e artísticas interesadas na
singularidade cultural da Guarda, especialmente da súa comunidade mariñeira.
Malia que a maioría da metraxe
son escenas familiares estes filmes teñen un amplo valor documental xa que
todas xuntas conforman o mellor xeito de coñecer A Guarda durante o período da
República. Nun primeiro inventario damos conta de variadas secuencias
costumistas relacionadas co mundo do mar: mariñeiros, actividade no porto, vida
na Ribeira, recollida de argazo, redeiras, embarcacións, arranxando gamelas,
temporais,... Mais tamén atopamos rexistros de celebracións guardesas como a
fogueira de San Xoán no muíño de Mazaracos, Misa e procesión da festa da Guía,
Festa do Monte ou a Romaría de Santa Trega. Mais tamén aparecen secuencias do
mundo rural: recollida de patacas, cría de animais, escenas campestres... A
parte de imaxes da Guarda tamén hai imaxes do Berbés, en Vigo.
Xestións para a dixitalización as imaxes
Proxecto Socheo púxose en
contacto co CGAI para estudiar unha posible dixitalización. Mais a
singularidade do soporte cinematográfico (9,5 mm) fai imposible a súa
dixitalización en Galicia. Pediuse un orzamento a un laboratorio de Madrid que
resulta inasumible para a filmoteca galega.
Escea no Pico do Facho, no Monte Santa Trega, nun fotograma de un dos filmes de Joaquín García Portela
Proxecto Socheo fai un chamamento
ás institución locais ou entidades privadas para poder cubrir os gastos.
Segundo Xurxo González, director de Proxecto Socheo, “sería unha mágoa que o Concello da Guarda, a Deputación de Pontevedra,
Confraría, ORPAGU ou comisións de festas non fixeran nada para poñer en valor
este patrimonio cinematográfico que di moitísimo do noso pasado”.
Sobre o Proxecto Socheo
O Proxecto Socheo comezou a súa
andaina no 2011, dende entón recibiu galardóns como o o Premio de
Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto
o IES A Sangriña, ou o segundo premio do Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural; tamén foi protagonista
de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de
Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galega de Artes da
Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Carballo Interplay, Cineclub de
Caminha, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de
Pontevedra, II Encontro
para a creación común de cinema doméstico,… entre outros.
Dende o Proxecto Socheo
solicítase a colaboración de todo aquel
que teña gardadas gravacións que, como no caso de Joaquina e Celia Martínez,
poden resultar de gran valor para o patrimonio audiovisual do Baixo Miño.
A maior parte deste traballo está
dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 67.000 visitas. Pódense visionar máis de 300 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade.
Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

A.jpg)
A.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario