19 de mar. de 2015

PEITIEIROS (GONDOMAR)

Este domingo día 22 Peitieiros celebra un serán en homenaxe ás pandeireteiras   

O CCV de Peitieiros quere así celebrar o Día da Muller   


 Centro Cultural e Recreativo de Peitieiros / Gondomar

 Este domingo 22 de marzo a partir das 17:00 h. no Adro de Peitieiros, en que está instalada unha carpa, o Centro Cultural e Veciñal, en colaboración coa Comisión de Festas organiza un Serán ao que convida a todos os grupos e a todas as persoas que o desexen. A festa rematará cunha chocolatada para  os participantes.   

 O motivo que levou ao CCV de Peitieiros a organizar este serán en colaboración coa Comisión de Festas foi o de conmemorar o día internacional da muller cunha actividade festiva. Por iso este serán será o da homenaxe ás pandeireteiras, simbolizando nelas a importancia do papel da muller na transmisión da nosa música en particular e da nosa cultura en xeral, visibilizándoas e dándolles o protagonismo que merecen. E para facelo convidamos a pandeireteiras, gaiteiros, e todo tipo de formacións tradicionais.   

 Elas, as mulleres, acompañaron a súa vida e os diferentes labores que sempre lles corresponderon cantando e para iso se acompañaron das pandeiretas, e cando non, de latas de pemento, culleres, pratos... Sempre buscando o ritmo que acompañase as súas coplas, esas en que a nosa lingua ía manténdose viva e transmitíndose, tamén.   

 Non foi até as últimas décadas do século XX que os cantares das pandeireteiras comezaron ocupar os escenarios, daquela diversos grupos e persoas comezaban interpretar pezas que foran recoller polas aldeas e así se iniciou un labor de difusión e de conservación da nosa música popular en que aínda é necesario profundizar. Un labor que convertía en protagonistas as tocadoras de pandeireta e o seu xeito de cantar, mulleres que non tiveran aínda a proxección acadada xa por gaiteiros ou formacións tradicionais.   

 Por este motivo, e para continuar a darlle ás mulleres o espazo que lles corresponde, na música tradicional tamén, o CCV de Peitieiros e a Comisión de Festas organizan este serán.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario