28 de mar. de 2015

OIA

O GRUPO DE ACCIÓN FEMINISTA DO BAIXO MIÑO ORGANIZA A CAMIÑADA POLA IGUALDADE  

 Terá lugar este domingo 29 de marzo, ás 11h. O percorrido, pola estrada vella de Oia, iníciase no Porto dos Barcos, en Viladesuso e remata no Arrabal (Oia)


 Grupo de Acción Feminista do Baixo Miño

 Con esta acción, estamos dando un paso adiante pola igualdade. Reivindicamos a necesidade de sermos visibles, activas, partícipes en igualdade na creación do mundo en que vivimos. Queremos chamar a atención sobre a situación de desigualdade no eido laboral. Os milleiros e milleiros de mulleres traballadoras, imprescindibles para a construción do país, aínda estamos moi lonxe de termos as mesmas oportunidades laborais e un pago xusto polo noso traballo.

 Na Camiñada pola igualdade tamén rendemos homenaxe ás mulleres que na nosa zona manteñen vivos os oficios tradicionais vinculados ao mar (atadeiras, percebeiras,…) que son exemplo de traballos sustentables e nos que destacan por seren traballadoras moi activas e conscientes dos seus dereitos, exemplos de avances na conquista da igualdade.  

 Desde o Grupo de Acción Feminista do Baixo Miño convidamos a todas as persoas a participar nesta camiñada, que transcorrerá por un espazo de extraordinaria beleza natural. Ao longo do percorrido, e no remate do mesmo, teremos oportunidade de gozar das intervencións artísticas de Marta Dacosta, Os Araúxos e o grupo Tralo Mosteiro. Remataremos, por volta das 12 no lugar do Arrabal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario