19 de mar. de 2015

MOVEMENTOS SOCIAIS

A COORDINADORA DE PLATAFORMAS SOLICITA UNHA XUNTANZA CON ESCOTET PARA QUE CUMPRA O COMPROMISO DE DEVOLVER TODOS OS AFORROS ESTAFADOS CON PREFERENTES E SUBORDINADAS 

Galiza,18 marzo de 2015

 Os beneficios acadados por ABANCA no seu primeiro exercicio confirman o que a Coordinadora e moitos axentes sociais de Galicia denunciamos hai máis dun ano, cando manifestamos que a venda de NovaGalicia Banco a Escotet era un “pelotazo” planificado polo Sr. De Guindos, Ministro de Economía, e avalado polo Sr. Rajoy e Feijóo, para cargar nas costas de todos os cidadáns os máis de 8.000 millóns de euros gastados para rescatar a entidade e regalar os beneficios a un “patriota”, neste caso venezolano.  

 O resultado deste primeiro ano confirman que a entidade estaba dando beneficios, daquela xa millonarios, que o prezo acordado foi un vergonzoso regalo e que a urxencia na súa venda e os prazos establecidos para pagala polo novo dono ata 2018, demostran a conivencia do goberno do Estado e da Xunta para afastar a única entidade bancaria co seu centro de decisión en Galicia. Agora se entende por que o Sr. Feijóo non da a coñecer o documento con que xustificou a obriga de fusionar ou ter que vender as caixas galegas a unha entidade foránea, e mantén secuestrada a Comisión de Investigación aprobada polo Parlamento galego.  

 As vítimas desta escandalosa operación son as arcas do Estado que perden máis de 8.000 millóns de euros, os miles de preferentistas que aínda non recuperaron os seus aforros e o pobo galego que perdeu o control da súa principal entidade bancaria, co saldo engadido de miles de postos de traballo menos e a perda da obra social das caixas, que de manterse suporía neste exercicio un 30% dos beneficios, e dicir máis de 300 millóns de euros, fronte aos 4 millóns que prometeu nalgún momento o novo dono.  

 A loita sen tregua contra as decisións do goberno e do propio banco contrarias a devolver todos os aforros que nos estafaran fómola ganando por etapas ata recuperar máis do 90% do capital estafado. Nesta loita, as Plataformas defendemos sempre os intereses de todos e todas as persoas estafadas, fosen ou non membros das plataformas, mentres, os gobernos do PP en Madrid e Galicia actuaron sempre negándonos os nosos dereitos, legalizando a estafa, impoñéndonos a quita, aprobando as famosas taxas xudiciais para dificultar o acceso a xustiza, regalando a entidade sen poñer como condición que devolvera todo o capital que estafara e por último, reprendendo con multas aos membros das plataformas que máis combateron contra esta escandalosa estafa. 

 Un claro exemplo do papel que desempeñaron os nosos gobernantes na xestión deste problema témolo na postura do Sr. Feijóo, que non se dignou a recibir as plataformas en todo este tempo e que, a través do Conselleiro Sr. Guerra e diante das eleccións galegas de 2012, ofreceu a vía do arbitraxe para resolver so o 5% dos casos que, segundo eles, eran a porcentaxe de aforradores que había pillados nesta masiva estafa. A loita das persoas estafadas, organizadas en plataformas, conseguimos recuperar outro 90%, descubrindo esta mentira e demostrando que era unha estafa total e planificada para roubarlle os aforros a miles de familias galegas.  

 As plataformas que seguen integradas na Coordinadora, si ben suspendemos temporalmente as mobilizacións porque todos os nosos membros recuperaron os seus cartos ou están en trámite de facelo, seguimos activas e vixilantes porque sabemos, e así o vimos denunciando, que quedan varios miles de persoas afectadas, para as plataformas persoas anónimas pero ABANCA si sabe quen son, que aínda non recuperaron os seus aforros. O dato facilitado estes días polo propio Escotet recoñece este feito, queda un 6% de casos sen resolver, que suporía algo máis de 100 millóns de euros dos máis de 1.800 millóns estafados inicialmente.  

 Diante desta situación a Coordinadora de Plataformas contra a estafa das preferentes e subordinadas esixe ao Sr. Escotet que cumpra a súa palabra, repetida en varias ocasións, na que se comprometeu publicamente a devolver os seus aforros a todas as persoas estafadas. Promesa que xa incumpriu en varios prazos e que a Coordinadora esixe que cumpra de inmediato, pois non pode manter por máis tempo a incerteza e a inxustiza cos varios miles de persoas que seguen estafadas, mentres presume publicamente de obter beneficios millonarios e anuncia que quere conquistar novos territorios sen saldar antes as vellas débedas. Neste sentido a Coordinadora vai solicitar, este xoves 19, ás 11 horas, na sede central de Abanca , en Vigo, unha entrevista de caracter moi urxente co Sr. Escotet para esixirlle que cumpra o seu compromiso e dea unha solución inmediata para resolver definitivamente a estafa das preferentes. 

 Coordinadora Galega de Plataformas de Afectados por Preferentes e Subordinadas
(R)

Ningún comentario:

Publicar un comentario