14 de mar. de 2015

GONDOMAR

CULTURA
Mar de Crebas: refugallos dos areais de Cabo Silleiro instalados no Campo da Feira

Alejandra Sampedro

Instituto de Estudos Miñoranos / Gondomar

 Aínda que non é requisito para expoñer na Aula de Cultura Ponte de Rosas, a obra de Alejandra Sampedro ten un vencello co Val Miñor: as crebas do mar que fan de materia prima das esculturas expostas na sala, foron recollidas nos areais do Cabo Silleiro. Súmase a esta información o feito que o avó da artista, Alejandro Sampedro foi fareiro neste lugar hai 50 anos. Con estas achegas, Fino Lorenzo abriu a rolda de intervencións que continuou co fotógrafo SantiVega e a artista, e que deron por inaugurado “Mar de Crebas”, a nova mostra que estará aberta ao público en Gondomar até o vindeiro 8 de maio.

Tricéfalo - Técnica mixta con crebas de porcelana (A.S.)

 Nela atoparase unha intervención artística na que Alejandra Sampedro converte este espazo enclavado no lugar do Campo da Feira, no vello faro de Cabo Silleiro, a través da combinación da obra escultórica e fotográfica. Mestura que remite inexorablemente á cultura mariñeira e os naufraxios do mar de Baiona.

 Conectado co LandArt, o modernismo de Gaudí ou a arte Povera, Mar de Crebas tamén explora a idea de pegada e memoria como resto arqueolóxico. Crebas que gardan a memoria dunha vida e dunha orixe incerta. Porque Alejandra Sampedro “sempre sorprende”, en palabras do fotógrafo SantiVega, quen ao afondar na obra exposta, salientou que máis alá da técnica común aplicada en varias pezas, todas ten o seu, un toque de distinción ou fermosura propia que as fai únicas.

Fino Lorenzo, Alejandra Sampedro, Santi Rivas

 As esculturas confeccionadas por Alejandra Sampedro para esta mostra na Aula de Cultura Ponte de Rosas, están formadas por pezas cerámicas, teselas e restos de todo tipo que cuspe o mar na zona do litoral de Cabo Silleiro. Labor de moitos anos de traballo sistemático e rescate do vello oficio de “andar ás crebas”, en percorridos polos areais na procura de restos útiles e que en tempos, foi actividade complementaria da economía local, segundo lembrou a autora na intervención final do acto inaugural. 

 Alejandra Sampedro (Valencia, 1988), artista da novas correntes emerxentes da arte galega, non deixa indiferente a ninguén que teña a sorte de enfrontarse a súa obra. Convidamos a visitala de luns a venres de 19 a 21 horas na sede do Instituto de Estudos Miñoranos, na Avenida da Feira, 10 baixo (Gondomar), até o vindeiro 8 de maio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario