31 de mar. de 2015

A GUARDA

O BNG consegue que se solicite a mellora do servizo de correos na Guarda

O persoal de correos ten que duplicar esforzos debido á negativa da administración a cubrir as baixas que se producen
Ángel Baz, candidato do BNG-AA á alcaldía da Guarda

Infogauda / A Guarda

 O BNG presentou unha moción para que se mellore o servizo de correos no concello da Guarda.  

  Nos últimos tempos moitas persoas presentan queixas polos atrasos e deficiencias no servizo postal. As razóns destas deficiencias débense ás condicións extremas en que desenvolven a súa actividade os traballadores e as traballadoras de Correos. A aplicación da política de recortes do PP levou a reducir considerablemente os cadros de persoal por non cubriren os postos vacantes por xubilacións, baixas por enfermidade, etc.  

 O BNG denuncia que no noso concello, para evitar as carencias no servizo, o persoal da oficina de correos ten que duplicar esforzos e facer un traballo que non lle corresponde debido á negativa da administración a cubrir as baixas que se producen. Esta situación de abuso e desprezo aos dereitos dos traballadores e traballadoras chega ao extremo de que nin sequera se substitúe ao persoal de reparto que está de vacacións, sobrecargando tamén ás traballadoras e traballadores co traballo que lles corresponde aos ausentes. Para máis aínda ameazan coa supresión dunha das prazas existentes.  

 “A alcaldía ten que poñer a cara na defensa dun servizo de correos público e eficiente no que se respecten os dereitos das traballadoras e traballadores”, sinalou Ángel Baz, candidato do BNG-AA á alcaldía da Guarda.  

 O BNG esixe á Xunta de Galiza que demande do goberno do Estado a adopción de medidas para garantir o reparto da correspondencia coas condicións e periodicidade adecuada. Así mesmo, solicita que se reclame a cobertura de vacantes e se manteñan as prazas dos cadros de persoal de Correos para resolver os problemas que afectan aos traballadores e traballadoras e ao servizo postal na Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario