25 de feb. de 2015

MOVEMENTOS SOCIAIS

CONTINÚAN CELEBRÁNDOSE XUIZOS POLAS SANCIONS IMPOSTAS Á VARIAS PERSOAS AFECTADAS POLAS ESTAFAS BANCARIAS


Uns trinta preferentistas concentráronse diante dos Xulgados do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, en solidariedade cos afectados polas sancions pecuniarias que lles foran impostas - Foto: José Luis García Portela


José Luis García Portela / Pontevedra

 Perto de trinta preferentistas das Plataformas do Baixo Miño e de Compostela concentráronse na mañá deste mércores 25 de febreiro, diante dos Xulgados do Contencioso-Administrativo de Pontevedra onde se celebraron 4 xuizos polas sancións impostas a Miriam Rodríguez, Xulio Vicente, da Plataforma do Baixo Miño, e a José Luis Otero da Plataforma de Gondomar. 

 Os xuizos comezaron ás 10:15, sendo o primeiro deles a vista do recurso de Miriam Rodríguez contra a sanción de 600,00€ imposta despois dun pleno suspendido no Concello de Mos o 28 de Febreiro do 2013. A Administración alega que a recurrente é responsable de impedir a normal actividade do Concello, que 3 concelleiros tiveron que sair escapando nun coche e que os manifestantes forcexearon co cordon que estableceu a Garda Civil e a Policía Local. 

 As tres testemuñas da parte recurrente foron compañeiros de Miriam. A primeira delas Jesús D. confirmou que el estivo no pleno i que tras ser suspendido sairon á rúa. Que o coche cos concelleiros saiu marcha atrás costa arriba, sen impedimentos, que non ten constancia de que se formase un cordón policial e que Miriam non estaba na rúa neses momentos senón que a viu nunha ventá dentro do Concello. 

 A segunta testemuña, Manuel S., afirma que permaneceu fora do Concello en todo momento, constata que habia un gran número de axentes da orde, non viu ningún forcexeo, e que ao coche dos concelleiros non se lle impediu a saída. 

 A terceira testemuña, Ángeles U., afirma que había máis policía que concentrados, que non viu ningún forcexeo, que o coche dos concelleiros circulaba entre dous grupos de concentrados e que deu marcha atrás con moito balbordo sen que se lle impidise. Que non estivo en todo momento con Miriam, á que viu facendo fotos dende unha fiestra do concello.  

 A parte recurrida, a Administración, preguntou ás tres testemuñas se eran afectados por preferentes, se foran sancionados algunha vez pola Subdelegación de Goberno, se tiñan un interés especial no asunto por parentesco ou amizade con Miriam. As tres testemuñas xa confirmaran previamente á xuiza que única relación que teñen con Miriam é a propia de andar xuntos co tema das preferentes.

 As conclusións do letrado da recurrente foron que queda demostrado que Miriam non estivo presente nos presuntos desordes denunciados, que non se sabe exactamente o que fixo Miriam e cando, polo que se pide ao tribunal que admita o recurso da sancionada.  

 As conclusións do abogado do Estado baseáronse en que non se deben ter en conta as testemuñas escoitadas por seren interesadas, feitas por compañeiros da Plataforma e que non estiveron acompañando á sancionada en todo momento. Afirma o letrado da Administración, que hai unha contradicción entre as duas primeiras testemuñas e a terceira que confirma que había unha aglomeración de xente. Conclúe que o tribunal debe ter en conta a imparcialidade e profesionalidade dos denunciantes, axentes da Guarda Civil, polo que se solicita o desestimento da demanda. 

 Tras isto, o xuizo quedou visto para sentenza.  

 A continuación celebrouse o xuizo contra Xulio Vicente, por feitos denunciados en Mondariz, logo celebrouse o xuizo a J.Luís Otero "Sito", e rematou a xornada con outro xuizo a Xulio.   

 Tras atender aos medios e convocar aos compañeiros para os próximos xuizos a celebrar o 17 de marzo, pasadas as 12 do mediodía, os concentrados recolleron a faixa e voltaron aos seus fogares tras unha nova xornada de loita xudicial na capital.

 Ainda quedan ducias de xuizos ata finais de xuño e, polo de agora, todas as vistas celebradas nos xulgados de Pontevedra están sendo favorables aos denunciados. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario