A Plataforma de Emigrantes Retornados do Baixo Miño convoca unha manifestación de toda a emigración retornada da Comarca
Terá lugar en Tui o vindeiro xoves 12 de febreiro
Foto: Plataforma de Emigrantes Retornados do Baixo Miño
Plataforma de Emigrantes Retornados do Baixo Miño
O grupo de goberno do Concello de Tui, decidiu, no derradeiro pleno ao cal asistiron retornados de toda a comarca para solicitar o seu apoio público, posicionarse do lado do Partido Popular, e, sen consultalo coa propia Plataforma, modificou a moción que os retornados elaboraron e presentaron por Rexistro, eliminando así o punto máis importante para estes. Nese punto solicitaban un comunicado público, asinado por tódolos grupos políticos, no cal se denuciara a dobre "cara" do Partido Popular, que nos Concellos votan a favor das mocións dos retornados, pero, cando esas mocións de presentan no Parlamento Galego ou no Congreso dos Deputados votan en contra.
Por iso a Plataforma de Emigrantes Retornados do Baixo Miño fai un chamamento a toda a emigración da comarca retornada para participar masivamente na manifestación, que se vai celebrar en Tui o vindeiro xoves, día 12 de febreiro a partir das 11:00 da mañá, con saída da sede da Axencia Tributaria (Praza de San Fernando), pasando polo Concello e rematando perante a sede do Partido Popular onde se entregará o manifesto da plataforma.
Son máis de 250.000 os emigrantes galegos retornados con pensións de Países Estranxeiros, que continuamos a recibir da Axencia Tributaria Española, a comunicación con carácter retroactivo, que nos obriga a ter que facer a declaración de cinco anos: 2008/2013, e que aínda a propia facenda non ten a información precisa no tocante a devolución das sancións xa impostas.
Con esta manifestación os emigrantes retornados queren solicitar que no paquete de modificacións legais se inclúan as modificacións na Lei 35/2006, necesarias para garantir un trato igualitario. Concretamente, o artigo 96 en relación co 17, de tal forma que se estableza a obriga de declarar a partir de 22.000,00€/ano de ingresos, e que para os restantes se estableza un réxime de retencións idéntico ao do resto das e dos pensionistas do Estado Español.
Os emigrantes retornados reclaman para eles un trato xusto e igualitario, solicitando do Goberno do Estado Español:
• A modificación lexislativa que fixe un mesmo réxime do IRPF, con independencia de se estas proceden dun Estado ou de varios Estados. Para que se cumpra co principio de igualdade, modificando a Lei 35/2006, para que as súas pensións sexan iguais que a do resto dos galegos.
• Non ao carácter Retroactivo.
• Recoñecemento de oficio das pensións de Invalidez, recoñecidas, nos países de procedencia.
• Que a Axencia Tributaria inicie unha campaña de información á cidadanía e persoal a todas as persoas afectadas das súas obrigas tributarias futuras.
• Revisión dos convenios marco con outros países, para evitar que situacións deste tipo, poidan volverse a producir.
• Devolución por Oficio de todo o pagado e os seus intereses.
• A anulación de todos os expedientes. Borrón de todo. Volta a empezar a partires de 2014 e trato igualitario e xusto entre xubilad@s. Fóra lei “dous pagadores”.
• Desculpas e devolución da honra aos Emigrantes Retornados.
A Plataforma de Emigrantes Retornados do Baixo Miño chama a asistir a manifestación do xoves 12 de febreiro a tódalas afectadas e afectados, por esta inxusta decisión, xa que nin a propia Axencia Tributaria lle meteu a pensión aos emigrantes retornados na declaración do IRPF, por poñer un exemplo. É ademáis de inmoral a imposición de sancións a un colectivo perceptor das pensións máis baixas despois de traballar toda unha vida no estranxeiro.
A Plataforma do Baixo Miño, demanda o apoio das veciñas e veciños de toda a comarca, e tamén aos seus fillos e fillas, pois eles e elas tamén son afectados ao teren que recibir as herdanzas dos seus familiares, pois inxustamente se lles aplica a lei estatal no lugar da autonómica se non residen na Galiza, aos emigrantes retornados xubilados que perciben pensións de países estranxeiros, afectados pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria, e anímaos a acudir a Tui.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario