FEAFES Galicia sensibiliza sobre enfermidade mental en institutos de toda Galicia
• A campaña Mentalízate realizarase en máis de 50 centros galegos chegando así a máis de 3.000 alumnos e a arredor de 200 profesores.
• Ademais de concienciar, a iniciativa procura que os rapaces coñezan a relación entre condutas de risco e enfermidades mentais, podendo mellorar así a prevención e a súa actitude cara as persoas que sofren estas doenzas.
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, está a levar a cabo un ano máis a campaña Mentalízate, que ten como obxectivo informar e sensibilizar a adolescentes e mozos sobre saúde mental. A iniciativa, promovida por FEAFES Galicia, fomenta hábitos e estilos de vida saudables traballando na prevención da enfermidade mental a través da concienciación dos mozos sobre o risco do consumo de tóxicos.
A campaña Mentalízate foi deseñada por FEAFES Castela e León e recoñecida con varios premios: Obra Social Caja Madrid, Premios Toda Una Vida Para Mejorar e Premio Jaime Albert Solana. Dende Febreiro do 2008, a súa execución expandiuse a todo o territorio estatal, despois de beneficiarse da campaña xa máis de 30.000 mozos.
As charlas nos institutos realizaranse durante o curso escolar ata finais do mes de xuño. As ponencias serán impartidas por profesionais da Federación e das asociacións, e nelas entregarase aos alumnos materiais divulgativos da campaña. Esta iniciativa será realizada en máis de 50 institutos galegos, chegando así a máis de 3.000 alumnos e a arredor de 200 profesores e orientadores.
Sensibilización nas catro provincias
Na provincia da Coruña, a asociación Afaes Portanova acudirá a diversos centros de Ferrolterra, implantando a campaña Mentalízate nas localidades de Ferrol, Narón, Neda, Ares, Mugardos, Fene, Valdoviño, Pontedeume, Cedeira, Monfero, As Pontes, San Sadurniño, Cariño e Ortigueira. A asociación Apem, pola súa parte, intervirá en trece centros das zonas de A Coruña, Cee, Carballo e Betanzos; mentres a asociación Andaina será a encargada de actuar na zona de Ordes, Dodro e Oroso. A maiores, as delegacións de FEAFES Coruña e FEAFES Santiago realizarán charlas nos institutos destas dúas cidades.
Na provincia de Pontevedra, pola súa banda, a asociación Doa acudirá a sete centros da zona de Vigo chegando a 175 alumnos. En Vilagarcía de Arousa, a asociación Lar realizará charlas a 350 alumnos de cinco institutos da comarca, e a delegación de FEAFES Vigo reforzará a campaña na cidade viguesa.
Nas provincias de Lugo e Ourense realizaranse accións semellantes da man das delegacións coas que conta FEAFES Galicia nas capitais de provincia, cuxos profesionais acudirán a diversos institutos para achegar a saúde mental ós alumnos de secundaria.
A importancia da prevención
A Organización Mundial da Saúde declarou que a falta dunha boa saúde mental nas primeiras etapas da vida pode provocar enfermidades mentais a longo prazo que acompañarán á persoa durante toda a súa existencia. Actualmente, calcúlase que sobre o 20% dos adolescentes e mozos de todo o mundo teñen unha enfermidade mental.
Os problemas de saúde mental non só deben ser resoltos dende o tratamento e a rehabilitación. Tamén é necesario insistir no deseño de actuacións de promoción da saúde mental e prevención dos trastornos mentais dende unha óptica intersectorial e multidisciplinar. O ámbito educativo é fundamental para o desenvolvemento destas actuacións; non obstante, cabe destacar a escaseza de accións específicas de promoción da saúde mental e prevención de trastornos mentais que se realizan neste ámbito.
A campaña Mentalízate pretende paliar esta escaseza e converterse nun medio para promover os hábitos de vida saudables, o coñecemento das enfermidades mentais, a súa relación co consumo e ademais traballar posibles estigmas vinculados á enfermidade mental. Calquera instituto galego que estea interesado en incorporarse á campaña Mentalízate pode facelo poñéndose en contacto con FEAFES Galicia a través do número de teléfono 981 554 395.
FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario