19 de feb. de 2015

CULTURA

A colección de ourivería castrexa máis importante de Galiza de volta no Museo de Lugo grazas ao BNG

Mario Outeiro instou aos representantes do tecido cultural a traballar para que ningún lucense se quede sen coñecer este “legado da nación galega”

Inauguración colección castrexa

 Os galegos xa podemos gozar de novo da colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil na Sala 8 do Museo Provincial de Lugo, logo do acto de reapertura que se levou a cabo o pasado día 10 de febreiro na galería luguesa logo de que a Deputación adquirise as 40 pezas da época castrexa que forman esta importante colección. O responsábel de Cultura da Deputación e do Museo Provincial de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, e Carlos López Gil, neto do mecenas, en representación dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, asinaron o contrato de compravenda a través do que a colección de 40 pezas de ourivería prerromana do filántropo lugués pasa a pertencer en propiedade ao Museo de Lugo e, por extensión, a toda a cidadanía lucense.

 Mario Outeiro destacou que este acordo supón “recuperar para uso público un importante patrimonio da nosa historia colectiva como pobo que estaba en mans privadas” e fixo fincapé no feito de que “unha institución pública gobernada polo BNG faga un investimento de preto de 3 millóns de euros en mateira cultural, fronte aos recortes doutras administracións neste eido, co obxectivo de preservar este importante tesouro para as xeracións futuras” e felicitouse de que por fin “se dean por rematados 15 anos de sucesivos desencontros entre a Deputación de Lugo e os herdeiros do mecenas, iniciados no 1999-2000 cando gobernaba en San Marcos o popular Francisco Cacharro Pardo”, recordou.

Restos de diversos puntos da provincia e de toda Galiza 
 No acto solemne de reapertura da sala participaron o responsable de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro; o vicepresidente provincial, o tamén nacionalista Antonio Veiga; Carlos e Ignacio López Gil, netos de Álvaro Gil Varela e representantes dos herdeiros. Asistiron tamén asociacións e personalidades do mundo da cultura e o patrimonio de Lugo. Outeiro cualificou o regreso desta colección de ourivería prerromana dunha “magnífica noticia para a cidadanía lucense que supera os límites provinciais, xa que recuperamos para o pobo galego un destacado tesouro do patrimonio material da nación galega”, manifestou o delegado de Cultura. 


 Proseguiu Outeiro afirmando que “os bens en cuestión son o legado dos nosos devanceiros. Trátase de douradas pezas de arqueoloxía que, fóra do morbo do elemento metálico en cuestión, son indicadores dun pasado vizoso dos pobos do noroeste que conformaría posteriormente a Gallaecia romana ou xa despois o primeiro reino moderno de Europa, o Reino de Galiza. Restos de Viveiro, Mondoñedo, Burela, Foz, Castro de Rei ou Riotorto, pero tamén de Toques, Melide, Pontedeume, Boiro, A Estrada ou da Gudiña. Galiza enteira a maiores do enigmático Carneiro Alado, de incerta procedencia xeográfica pero dunha valiosísima execución artística”, concluíu Outeiro.

Diversas iniciativas nos vindeiros meses para poñer en valor este “tesouro” 
 Mario Outeiro felicitouse de que se puxese fin a todos estes anos de desencontros cos herdeiros de Álvaro Gil e presentou as iniciativas que se van acometer nos próximos meses para poñer en valor esta colección. “En primeiro lugar procederemos á renovación da sala de ourivería para actualizada en canto a obxectos expostos, facela máis didáctica empregando as novas tecnoloxías, dotándoa de máis elementos de seguridade e facéndoa máis accesíbel para persoas con capacidades diferentes, un campo no que o Museo de Lugo leva sendo referente a nivel estatal”, apuntou o delegado de Cultura. 

 A segunda iniciativa será a publicación “dun catálogo cos obxectos expostos na devandita sala, froito do traballo de investigación da director do Museo, Aurelia Balseiro, e de Ofelia Carnero. Será un referente en papel que servirá para que investigadores e curiosos se acheguen dun xeito científico e visual ao tesouro lucense”, indicou. 

 O terceiro punto correspóndese coa posta en marcha “dunha gran exposición temporal de arte galega, propiedade da familia Gil e cedida gratuitamente pola mesma ao Museo de Lugo. Desta maneira todo o pobo galego terá acceso por vez primeira a unha magnífica colección froito das estreitas relacións entre o filántropo lucense e os referentes artísticos e culturais da época. Iníciase deste xeito unha serie de colaboracións nos que Familia e Deputación deben traballar no futuro para implementar unha boa dotación cultural para a cidadanía”, destacou. 

 Finalmente, en cuarto lugar, Outeiro avanzou que “homenaxearemos a Álvaro Gil Varela e por extensión a cada un dos benfeitores do MPL nestas décadas de existencia entre os que destacan os Fernández ou Xan de Forcadas. Darei con elo cumprimento á promesa feita en outubro de 2013, no que anunciaba que, con colección ou sen ela, os lucenses estabamos en débeda con Gil Varela”, remarcou.

Fonte: BNG

Ningún comentario:

Publicar un comentario