Outubro recibe o ciclo “Cine e Memoria II” no Val Miñor
Cartel do Ciclo | Fino Lorenzo
Instituto de Estudos Miñoranos / Gondomar
O informe
provisional do Relator da ONU, Pablo Greiff
trala súa visita a Galicia en xaneiro, así como o reclamo do mesmo
organismo –por 4ª vez – ao Estado español para que cumpra coas diferentes
lexislacións que en materia de dereitos humanos ten asinadas, reflicten o
estado marxinal na que se atopa a problemáticas das vítimas do franquismo e a impunidade
dos crimes dese réxime. As xornadas provinciais de Memoria Histórica
organizadas polo Instituto de Estudos Miñoranos no 2009, deixaron en evidencia
que arestora emprender unha investigación na procura de información para
esclarecer o acontecido así como calquera intento de desenvolver exhumacións de
fosas enfronta innumerables pegas por parte das administracións públicas.
Neste contexto, o
Instituto de Estudos Miñoranos organiza como todos os anos dende 2005 unha
actividade especial no mes de outubro, onde se lembra o asasinato dos nove
veciños do Val Miñor en mans da represión franquista na madrugada do 15 ao 16
de outubro en Baiona.
O ciclo “Cine e
Memoria II”, será o evento cultural que como en 2009, pretende achegar ao Val
Miñor os últimos traballos documentais e de investigación en materia de Memoria
Histórica. O mesmo congregará a directores, produtores e protagonistas dos
cinco títulos que acolle o ciclo. Películas que abordan desde diferentes
miradas o tema da recuperación da memoria familiar (O segredo da Frouxeira), a
vida clandestina nos monte de fuxidos e guerrilleiros (O meu nome é Luis
“Ferreiro”), as masacres colectivas (La Sauceda. De la Utopía al horror), a
represión ás mulleres da resistencia (As silenciadas), e un documental de especial
pegada na historia recente do Val Miñor, A Volta dos Nove.
Os pases dos filmes
terán lugar todos os días mércores do mes de outubro ás 20:30 horas na Aula de
Cultura Ponte de Rosas, agás o 15 de outubro no que será a estrea no Val Miñor
do filme A Volta dos Nove, que será exhibida no Auditorio Municipal de Gondomar
Lois Tobío. A entrada será gratuíta e ata completar o aforo das salas.
1 de outubro: O
segredo da Frouxeira, de Xosé Abad. (Galicia, 2009).
8 de outubro: O meu
nome é Luis “Ferreiro”. Unha historia do antifranquismo galego, de Roi Caoio e
Fernando Llorl. (Galicia, 2010).
15 de outubro: A
Volta dos Nove, de Antonio Caeiro. (Galicia, 2014).
22 de outubro: La
Sauceda. De la utopía al horror, de Juan Miguel León Moriche. (Málaga, 2013).
29 de outubro: As
silenciadas, de Pablos Ces. (Galicia, 2010).

Ningún comentario:
Publicar un comentario