21 de ago. de 2014

PONTEVEDRA

A campaña inclúe a distribución de 10.000 dípticos e 2.000 carteis nos concellos da provincia
A DEPUTACIÓN PON EN MARCHA UNHA CAMPAÑA PARA FOMENTAR A RECICLAXE DE ACEITE USADO

·       O número de municipios adheridos ao servizo de recollida de aceite case se duplicou no que vai de ano, pasando dos 16 de 2013 aos 28 actuais
·       O pasado ano recolléronse máis de 35.000 litros de aceite
A Deputación de Pontevedra inicia unha campaña para fomentar a reciclaxe de aceite usado e evitar a súa vertedura polos desaugues. Baixo o lema E ti, que fas co aceite usado?,  a campaña fai fincapé nos beneficios de reciclar o aceite usado da cociña e explica a forma de facelo.
Faino a través de máis de 10.000 dípticos e 2.000 carteis que se repartirán nos concellos da provincia e que complementan o plan de recollida e tratamento de aceites domésticos que a Administración provincial ten en marcha desde 2009.
Incremento dos concellos adheridos
No marco deste plan, a Deputación, en colaboración coa Fundación Oil Free Ocean (Sigoleo), ampliará o servizo de recollida de aceite usado a 12 novos concellos, que solicitaron tamén contar con contedores especiais para que os veciños e veciñas poidan depositar neles o aceite que usan nas súas cociñas.
Desta forma, son xa 28 os municipios que disporán deste sistema, practicamente o dobre que o pasado ano, cando se conseguiu reciclar 35.000 litros de aceite recollido nos 16 concellos que naquel momento estaban adheridos ao servizo.
A Deputación confía en que a campaña que agora pon en marcha, unida ao maior número de contedores distribuídos na provincia, evitará a vertedura de miles de litros dun residuo altamente contaminante e axudará a que cada día sexan máis as persoas que opten pola súa reciclaxe, de forma sinxela e cómoda.
Os 10.000 dípticos informativos que se distribuirán dentro da campaña E ti, que fas co aceite usado?, explican graficamente o procedemento, que consiste en ir acumulando o aceite en botellas de plástico para posteriormente depositalas nos contedores laranxas instalados en diversos puntos dos concellos adheridos ao servizo.
Este sistema, que permite que os aceites sexan botados nos contedores coas botellas incluídas, foi implantado de forma pioneira pola Deputación e a día de hoxe está moi estendido, dado que evita que se produzan derrames e as consecuentes manchas de aceite e problemas de contaminación localizada que provocaba o vello sistema, que esixía o baleirado das botellas dentro dos contedores.
 Beneficios da reciclaxe
Así mesmo, o díptico incide en que a reciclaxe do aceite elimina unha fonte de contaminación das augas, dado que un só litro deste produto pode contaminar 1.000 litros de auga.
Outro dos beneficios da reciclaxe é a posibilidade de converter este residuo en biodiésel, “un combustible –reza o díptico- con menos emisións de CO2”; así como a diminución da probabilidade de proliferación de organismos prexudiciais para a saúde e a redución dos malos cheiros dos desaugues polos que a miúdo se desbota o aceite.
A todas estas vantaxes súmase a redución dos custos de depuración de augas e de mantemento das infraestruturas de saneamento, dado que os aceites usados incrementan a deterioración das tubaxes e fan máis dificultosa a depuración.
Concellos adheridos
CONCELLO
POBOACIÓN
AGOLADA (nova incorporación)
2.745
BARRO (nova incorporación)
3.712
CAMPO LAMEIRO (nova incorporación)
1.982
CAÑIZA, A (nova incorporación)
5.416
CATOIRA
3.421
CERDEDO
1.865
CRECENTE (nova incorporación)
2.314
CUNTIS
4.913
ESTRADA, A
21.464
FORCAREI (nova incorporación)
3.820
FORNELOS DE MONTES (nova incorporación)
1.864
GROVE, O
11.096
GUARDA, A
10.438
ILLA DE AROUSA, A (nova incorporación)
5.028
MEIS
5.007
MORAÑA
4.400
PAZOS DE BORBÉN (nova incorporación)
3.113
POIO
16.767
PONTE CALDELAS
5.668
RIBADUMIA
5.168
ROSAL, O (nova incorporación)
6.531
SALCEDA DE CASELAS
8.887
SILLEDA
9.037
SOUTOMAIOR (nova incorporación)
7.302
VALGA
6.059
VILA DE CRUCES
5.934
VILAGARCÍA DE AROUSA
37.741
VILANOVA DE AROUSA (nova incorporación)
10.502

Ningún comentario:

Publicar un comentario