O Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros acorda a cesión gratuíta dun camión de extinción de incendios á Mancomunidade do Val Miñor
Infogauda / Pontevedra
O Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros de Pontevedra, que tivo lugar hoxe na Deputación, acordou a cesión gratuíta dun camión de extinción de incendios e a súa conseguinte adscrición á Mancomunidade de Concellos do Val Miñor.
O camión –marca Mercedes– daralles servizo ós concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar e reforzará os traballos doutros parques do sur da provincia como os do Porriño e Ponteareas.
O Pleno –no que participaron, entre outros, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva; o presidente da Deputación, Rafael Louzán; o delegado da Xunta, Cores Tourís, e o xerente provincial, Juan José Feijóo– aprobou tamén a conta xeral do Consorcio no exercicio 2013, que ofreceu un superávit orzamentario de 323.242 euros.
Nunha sesión anterior os membros do Pleno xa aprobaran o orzamento do Consorcio para este ano, cifrado en 3,1 millóns de euros.
Na sesión informouse do estado de execución das melloras ofertadas pola empresa adxudicataria da concesión do servizo de intervención en emerxencias do Consorcio, Matinsa, e que xa se desenvolveron, ou, nalgúns casos, están en curso, nos parques de Vilagarcía de Arousa, Ribadumia, Bueu, O Porriño e Ponteareas.
Esas melloras inclúen máis medios técnicos e humanos; 13.120 horas ó ano a disposición do Consorcio e a cargo da concesionaria; un plan de intervención detallado; melloras na formación de persoal; melloras sociais para os traballadores por un importe de 12.916 euros ó ano; pólizas de responsabilidade civil (120.000 euros en caso de morte ou de 60.000 en caso de incapacidade) e outras.

Ningún comentario:
Publicar un comentario