LOUZÁN CONVOCA A 13 ALCALDES DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA "PARA ELABORAR UNHA ESTRATEXIA COMÚN PARA MANIFESTAR O GOBERNO O REXEITAMENTO DO ACTUAL PROXECTO DE REFORMA DA PLANTA XUDICIAL"
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra ven de faer público o contido da carta remitida polo presidente Rafael Louzán a 13 alcaldes da provincia de Pontevedra aos que afecta directamente o Proxecto de Reforma da Planta Xudicial. Son os rexidores de Lalín, A Estrada, Pontevedra, Caldas de Reis, Cambados, Vilagarcía, Marín, Cangas, Vigo, Redondela, Ponteareas, Tui e Porriño.
Na misiva convócaselles a unha xuntanza - que terá lugar no Pazo Provincial o vindeiro luns, 21 de xullo, ás 10,30 horas - para elaborar unha estratexia común, un manifesto e/ou outras accións para manifestar ao Goberno o rexeitamento do actual proxecto de reforma da planta xudicial.
A carta remesada polo presidente da Corporación provincial dí o seguinte:
Estimado alcalde:
Como ben sabes, o Ministerio de Xustiza está tramitando o Proxecto de reforma da Planta Xudicial, no que se prevén unhas modificacións contras as cales o Pleno desta corporación xa se postulou unanimemente, tal e como podes ver no acordo plenario que che achego.
Esa é razón pola que te convoco a unha xuntanza, o próximo luns 21 ás 10,30 horas no Pazo provincial, como un dos trece alcaldes dos concellos da provincia de Pontevedra con sede xudicial, afectados polo citado Proxecto de reforma do Goberno.
Nesta reunión trataremos de coordinar accións para impedir a súa aprobación nos termos previstos actualmente, elaborar unha estratexia común e, sobre todo, concordar unha postura unitaria -que sexa a voz da provincia de Pontevedra- para inducir ós responsables do Goberno da Nación á necesidade dunha profunda reflexión que teña como finalidade a corrección do devandito proxecto de Reforma da Planta Xudicial.
É este un caso no que os intereses xerais dos concellos e da cidadanía deben estar por riba das lexítimas diferenzas políticas e por iso estou seguro do interese de todos en levar a cabo accións e poñer os medios precisos para manter o actual mapa xudicial da provincia.
Á espera de verte persoalmente recibe o meu máis cordial saúdo.
Pontevedra, 16 de xullo de 2014
Rafael Louzán Abal
Presidente

Ningún comentario:
Publicar un comentario