20 de xul. de 2014

A GUARDA

CULTURA


XOSÉ CARLOS GÓMEZ ALFARO, SEMPRE NA LEMBRANZA


·        Compre da-los pasos cara a debida homenaxe institucional do Concello da Guarda, que a figura humana e poética de X. C. Gómez Alfaro merece
  
Imaxe de arquivo do escritor e poeta Xosé Carlos Gómez, asinando un exemplar do seu poemario "Confíteor" - Foto: Ricardo Rodríguez Vicente


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

No mes de maio de 2014 cumpriuse o sexto cabodano do pasamento do escritor e poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro (As Chabolas – Ribadavia, 12 de febreiro de 1949 – A Guarda, 14 de maio de 2008).

Relembramos que os concellos de Cenlle e de Ribadavia, xa desenvolveron oportunamente varios actos de homenaxe póstuma o escritor e poeta, tanto de xeito individual, como conxuntamente. Neste caso foi o 18 de setembro de 2009, coa participación do Centro P.E.N. Galicia, presidido por Luís González Tosar.

Ninguén debería esquecer que foi na vila de A Guarda, onde o poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro residiu ó longo de máis da metade da súa existencia vital. Onde desenvolveu súa labor docente e onde creou unha boa mostra do seu inigualable labor literario, e tamén onde presentou a meirande parte da súa producción poética. A vista deses feitos, non logramos entender como por parte da Corporación Municipal de A Guarda ainda non se promovese algo semellante o que se fixo en Cenlle e Ribadavia. Mantemos á confianza de que eiquí tamén haberá á sensibilidade necesaria para iniciar e levar a bó termo, o correspondente expedente de honras e distincións, que debera conlevar a proposta - e posterior acordo plenario - de nomear Fillo Adoptivo de A Guarda, o poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro.

Suxerimos que a referida proposta podería complementarse instaurando un premio de poesía que leve o nome do poeta “que se identificou como guardés nacido en As Chabolas, como un fillo do Miño parido á beira do Avia a quen podemos considerar como o noso mellor poeta dos últimos tempos”.

Na moción presentada en maio de 2009, polo concelleiro Celso Rodríguez Fariñas, propúñase a realización dunha serie de conferencias ás que deberíase convidar a participar a aqueles académicos, autores, críticos e editores que trataron a Xosé Carlos Gómez Alfaro.

A devandita moción foi presentada no rexistro municipal de entradas logo de cumplirse o primeiro cabodano do pasamento do poeta X. C. Gómez Alfaro. É decir, cando xa transcorrera un tempo que poderíamos considerar máis que prudencial, precisamente para tentar acadar o máximo apoio a esa iniciativa. Por iso consideramos que ben puido haber sido tratada coa merecida magnanimidade, na Comisión de Asuntos Plenarios previa a sesión ordinaria do Concello Pleno. E se a presidencia da devandita Comisión hubera querido, a proposta poida que fose asumida, con toda probabilidade, por tódolos grupos municipais. Se cadra fallou o empuxe que sería preciso para que fose refrendada, mesmo desde antes da sesión plenaria, pola meirande parte, ou – como sería desexable – pola totalidade dos grupos, e posteriormente na sesión plenaria por unanimidade, ou cando menos pola maioría dos concelleiros.

Que a moción fose presentada no tempo e na forma por quen foi, debeuse precisamente, o propósito de agardar a que o grupo de goberno movese ficha. E decir, que á iniciativa xurdise do própio grupo de goberno. Como queira que por esa parte non houbo ningunha proposta o respecto, era evidente que correspondía que alguén o fixese. Confiamos e desexamos, en que a curto prazo se corrixa o rumbo e se demostre, con feitos, que a visión que algúns poden ter sobor dalgúns temas, como o que nos ocupa, non será como ata agora.

XOSÉ CARLOS GÓMEZ ALFARO, UN DOS POETAS MÁIS GRANDES DO NOSO PAÍS
Xosé Carlos Gómez Alfaro, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor – desde 1978 – de Ensino Secundario, no Colexio PP. Somascos, de A Guarda, foi un activo articulista, escritor e poeta. Colabourou en diversos medios de comunicación galegos, obtendo varios premios xornalísticos.

Súa traxectoria poética agroma en 1969, coa pubricación dunha obra en castelán – De rodillas –, pubricada en Bilbao, pola Editorial CLA.

Desde 1970 sempre escrebeu en galego.

Súa obra poética está representada nos seguintes poemarios: As labaradas da lembranza (autoedición), 1996; Matria da néboa, Edicións do Castro (Sada, A Coruña, 1997); Os ciclóns do sino, Deputación de Ourense, 1997; Alba plena do alén, Edicións Espiral Maior (A Coruña, 1997); Pasos cara á alba, 2000; Alén do lume (Edicións Espiral Maior, 2002), e O clamor da eclipse, co que obtivo o Premio de Poesía Cidade de Ourense, en 2004.

En 2005 pubricou Confíteor, poemario de temática cívico-relixiosa, na Colección Hipocampo, de Litoral das Rías.

En 2006 gaña novamente o Premio de Poesía Cidade de Ourense, co poemario Mar aberto, que foi pubricado ese mesmo ano.

Logo do seu pasamento, descobremos Altaluz, seu poemario póstumo, incruído na obra en dous tomos, Poesía galega toda, edición promovida polo Pen Club de Galicia coa colaboura do Concello de Ribadavia. Na introducción desa edición,  Román Raña (Vigo, 1960), Doutor en Filoloxía portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, Catedrático de Lingua galega e Literatura no IES do Castro, en Vigo, poeta e xornalista, non dubidou en considerar Poesia galega toda I e II, como á “(...) opera omnia de Xosé Carlos Gómez Alfaro na nosa lingua (...)”, e decir á obra completa do poeta.

Poesía galega toda I (1996-199) e Poesía galega toda II (2000-2008), de Xosé Carlos Gómez Alfaro - Foto: Ricardo Rodríguez Vicente


No epílogo de Poesía galega toda o profesor Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, Catedrático de Literatura galega, sociolingüista, poeta e conferenciante, afirma: “(...) Nestes tomos figuran as palabras e a emoción do poeta, o tesouro que fai ós poetas inmortais (...)”.

“Gómez Alfaro – dixo Alonso Montero -, sempre un ourive da palabra, é autor de sonetos tan conmovedores como ben construídos.

Plural foi a súa musa, sempre auténtica: poeta das cálidas causas próximas, poeta do amor, poeta civil e singular poeta relixioso (nunca eclesiástico). Esas dimensions da súa poética teñen sido gabadas, nos últimos anos, por críticos e escritores moi distintos, entre outros, Xosé María Álvarez Cáccamo, Ramón Nicolás, Vicente Araguas, Luís González Tosar, Román Raña e Miguel Anxo Fernán Vello, o seu entusiasta editor (...)”.

Mália o prematuro pasamento do poeta, a calidade literaria de Xosé Carlos Gómez Alfaro fóille refrendada en boa hora, con varios e importantes premios, como: Meigas e Trasgos, Rosalía de Castro, Concello de Marín, Feliciano Rolán e Antón Tovar, entre outros.

O legado literario de Xosé Carlos Gómez Alfaro é dunha calidade poética que difícilmente terá parangón posible, xa que sen ningún xénero de dúbida,  foi un dos poetas máis grandes do noso País.
                                                                              
A GUARDA UN FITO NA XEOGRAFÍA POÉTICA DE X. C. GÓMEZ ALFARO
Como xa afirmanos oportunamente, A Guarda, o igoal que As Chabolas, Sadurnin, Cenlle, Ribadavia, Ourense, Compostela,..., forman parte dunha saudosa xeografía vencellada o poeta X. C. Gómez Alfaro.

No que respecta á A Guarda, hai innumerables referencias o noso pobo, na obra poética de Gómez Alfaro. Unha delas, entre outras moitas, vémola no seu libro As labaradas da lembranza (1996):


HIMNO Á GUARDA

¡Salve, emperatriz do mar,
gloriosa matria dos castros,
raíña do Baixo Miño,
gamela, palangre e canto!

¡Salve, venerable Abóbriga,
altar de Santa Trega almo,
noiva albar dos mariñeiros,
edén de lúas e engados!

¡Nosa señora da Guarda,
salve, sí, madre dos náufragos,
útero azul da langosta
e aleluia dos ocasos!

¡Nosa gaivota auroral,
salve, sí, guía do Amado,
tí fuches forte e es gloria,
nereida e virxe do Facho!

X. C. Gómez Alfaro


Por iso entendemos que hai que corresponder en xusta reciprocidade pola súa achega cultural o pobo de A Guarda.

De esquerda a dereita: Joaquín Miguel Villa Álvarez, P. Ángel Luís Airas Rodríguez, Xesús Alonso Montero e Xosé Gregorio Ferreiro Fente - Foto: Ricardo Rodríguez Vicente


         Endexamais esqueceremos o que X. C. Gómez Alfaro lle brindou a esta vila que o acolleu con agarimo, e que seguiráo apreciando por sempre. Alomenos a cidadanía, como xa quedou ben patente, tanto a traverso de varios escritos presentados no rexistro municipal de entradas do concello guardés, apoiando a proposta de decrarar á Xosé Carlos Gómez Alfaro, Fillo Adoptivo de A Guarda - que por certo non nos consta que alguén obtivera resposta algunha por parte de quen lle correspondía da-la  -, como no acto de homenaxe póstuma o poeta, organizado pola Asociación InfoMAXE, que tivo lugar no Salón dos Espellos, do Colexio PP. Somascos, o 27 de novembro de 2009. Evento que estivo presidido polo profesor Xesús Alonso Montero e contou coa presenza do filólogo, editor, escritor e investigador Xosé Gregorio Ferreiro Fente; do profesor Joaquín Miguel Villa Álvarez, Doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela; o P. Ángel Luis Airas Rodríguez, superior do Colexio PP. Somascos de A Guarda, o P. Joaquín Rodríguez Romero, Prepósito Provincial dos PP. Somascos en España; autoridades municipais, o cantautor Tino Baz e súa irmá Carmen, membros do claustro de profesores do Colexio PP. Somascos, familiares de X. C. Gómez Alfaro, poetas, e veciños de A Guarda.

Os irmáns Carmen e Tino Baz ofrecendo o agasallo da música e das súas persoalísimas voces, na homenaxe a Xosé Carlos Hómez Alfaro - Foto: Ricardo Rodríguez Vicente

Rematamos polo de agora, exhortando os membros da Corporación Municipal do Concello da Guarda, a que máis cedo que tarde, saiban estar á altura das circunstancias, e teñan a ben da-los pasos necesarios cara a homenaxe cívica que a figura humana, e a obra literaria, prosística e xornalística de Xosé Carlos Gómez Alfaro merece.

A lembranza do amigo Xosé Carlos Gómez Alfaro e a testemuña intanxíbel da súa mestría poética, estarán sempre connosco. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario