Lidia Senra: “Precisamos unha banca pública europea para desenvolver un tecido industrial sustentábel social e ecoloxicamente”
- Alternativa Galega de Esquerda en Europa destaca que a distribución dos recursos financieiros debe estar baseada en criterios sociais e medioambientais, e baixo o control cidadán
Infogauda / Vigo
No acto político celebrado este serán en Vigo a candidata ao Europarlamento Lidia Senra retomou a prioridade de crear e manter postos de traballo na Galiza, para o que é necesario, sinalou “non permitir a deslocalización produtiva do noso país”, insistindo en que “non se pode permitir que cidadás e cidadáns que residen dentro da propia UE teñan distintas condicións laborais”. Aliás, esixiu a “equiparación á alta dos salarios e das condicións de traballo” dentro do territorio comunitario. Senra tamén alertou dos riscos da participación privada das empresas transnacionais nas industrias galegas, poñendo exemplos como o da petrolera mexicana Pemex, propietaria do 51% do estaleiro vigués Barreras, incidindo en que participacións deste tipo poden conlevar “un apropiamento da tecnoloxía e saber facer desenvolvida durante anos nos nosos estaleiros.”
Para afondar no desenvolvemento do tecido industrial galego, avogou pola “creación dunha banca pública europea, de desenvolvemento social e solidario e baixo o control da cidadanía”. Segundo explicou, “esta banca debería distribuír os recursos financeiros destinados a proxectos europeos baseándose en criterios sociais e medioambientais, e ten que estar blindada ante calquera tentativa de ser privatizada”.
En relación ao tipo de desenvolvemento no que se debe ubicar a industria galega, a candidata ao Parlamento Europeo lembrou que “o planeta non é infinito, os recursos son limitados e temos que ter en conta tamén que xa superamos o pico do petróleo”, polo que “a creación de postos de traballo na industria terá que partir do criterio de sustentabilidade e participación social, respectando a Natureza.”
Por outra banda, ao fío da proposta de Alternativa Galega de Esquerda de adicar canto menos entre o 20% e o 25% dos Fondos Estruturais a políticas de inclusión social, Senra expuxo a urxencia de “poñer en marcha na UE plans de choque contra a pobreza e pola inclusión, que garanta dereitos básicos para a cidadanía como a vivenda, a educación, a sanidade e os servizos sociais públicos”. Tamén sinalou que “é indignante que esteamos vivindo nun país onde case un de cada catro fogares vive nunha situación de pobreza enerxética, nun país onde case 220.000 familias non puideron pagar a calefacción este inverno.”
Lidia Senra, estivo acompañada en Vigo polo escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, o voceiro de AGE no Hórreo Xosé Manuel Beiras e mais a viceportavoz Yolanda Díaz. O acto foi presentado polo secretario de Organización de Esquerda Unida Rubén Pérez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario