A DEPUTACIÓN DESTINA 650.000 EUROS ÁS CONFRARÍAS DA PROVINCIA PARA IMPULSAR A RECUPERACIÓN DA SÚA CAPACIDADE PRODUTIVA
Louzán reuniuse esta mañá cos representantes dos
21 pósitos e da Federación de Confrarías para asinar o convenio
·
Ao comezo do acto, gardouse un minuto de silencio polas
vítimas do accidente do Mar de Marín
·
O presidente da Deputación amosou a súa confianza en que
esta achega “lle permita ao sector recuperar posición no mercado e capacidade
de produción despois dun inverno durísimo”
A Deputación de Pontevedra destina preto de 650.000 euros
ás confrarías da provincia por medio dun convenio asinado esta mañá entre o
presidente da Federación, José Antonio Gómez Castro, e o titular da
Administración provincial, Rafael Louzán.
Ao comezo do acto, no que tamén participaron os
representantes dos 21 pósitos da provincia, Rafael Louzán quixo trasladar a
solidariedade e o pésame da institución “a toda a familia mariñeira e, en especial, para as familias, amigos e
compañeiros das vítimas” da traxedia do Mar
de Marín, tras o cal se gardou un minuto de silencio na súa memoria.
Un acto de solidariedade, no que Louzán tivo palabras de
afecto para as familias dos dous desaparecidos que, segundo dixo “están pasando o que quizais sexa un dos peores momentos
que se poden pasar: a anguria da desaparición dun ser querido”.
Reactivar un
sector moi castigado polo mal tempo
Tras o minuto de silencio, procedeuse á sinatura do
convenio, ao abeiro do cal a Deputación de Pontevedra destina 484.000 euros para a mellora da produción e a
comercialización no sector pesqueiro e marisqueiro.
A esta cantidade hai que sumar os 150.000 euros das 15
bolsas do Plan de Práctica Laboral que permiten a outras tantas confrarías
contar durante todo este ano con 15 titulados universitarios e de FP.
En total, serán preto de 650.000 euros destinados a apoiar
un sector estratéxico na provincia e que, en palabras do presidente da
Deputación e do máximo responsable da Federación de Confrarías, está
atravesando por “un ano especialmente difícil” como consecuencia dos sucesivos
temporais que afectaron tanto á pesca como ao marisqueo.
Neste sentido, Louzán amosouse confiado en que esta
achega, que vai destinada en boa medida á rexeneración dos bancos marisqueiros
por medio da adquisición de semente de bivalvos, “lle permita ao sector
recuperar posición no mercado e capacidade de produción”, para que volva ser
“motor de recuperación, despois dun inverno durísimo”.
Ademais de para a adquisición de semente, a achega da Deputación tamén
permitirá cubrir outras necesidades das confrarías como a aplicación de novas
técnicas para a modernización do proceso de produción e comercialización, a
adquisición de equipamentos de frío industrial ou a mellora do equipamento
técnico e sanitario das lonxas.
O reparto das achegas entre os 21 pósitos realizarase segundo uns criterios
que previamente acordou a Federación coas confrarías e en función das
necesidades expostas por estas.
Confrarías participantes no acto
COFRADIA
|
Confraría de Pescadores "Virxe do Carme"
de Arcade
|
Confraría de Pescadores "La Anunciada" de
Baiona
|
Confraría de Pescadores "San José" de
Cangas
|
Confraría de Pescadores "San Martín" de
Moaña
|
Confraría de Pescadores " San Juan" de
Redondela
|
Confraría de Pescadores " San Francisco" de Vigo
|
Confraría de Pescadores "Santa Tecla" de A
Guarda
|
Confraría de Pescadores " San Cipriano" de
Aldán
|
Confraría de Pescadores " San Martín" de
Bueu
|
Confraría de Pescadores " Sta. María del
Puerto" de Marín
|
Confraría de Pescadores "San Andrés" de
Lourizán
|
Confraría de Pescadores "San Telmo" de
Pontevedra
|
Confraría de Pescadores " San Gregorio" de
Raxó
|
Confraría de Pescadores " Sta. Rosalia" de
Sanxenxo
|
Confraría de Pescadores "San Roque" de
Portonovo
|
Confraría de Pescadores "San Martiño" de O
Grove
|
Confraría de Pescadores "San Antonio" de
Cambados
|
Confraría de Pescadores " La Pastoriza" De
Vilanova de Arousa
|
Confraría de Pescadores " San Xulián" da
Illa de Arousa
|
Confraría de Pescadores "Virxe do Rosario"
de Vilaxoán
|
Confraría de Pescadores " Santiago Apóstolo"
de Carril
|
Ningún comentario:
Publicar un comentario