A DEPUTACIÓN PON Á
DISPOSICIÓN DOS CONTRIBUÍNTES UN SERVIZO DE INFORMACIÓN SOBRE EMBARGOS E OUTRO
DE AVISOS POR MAIL OU SMS
Editarase tamén unha Guía do Contribuínte que se distribuirá en todas as oficinas do ORAL
A Deputación de Pontevedra vén de poñer en marcha, a
través do seu departamento de xestión tributaria-ORAL, un servizo de
información sobre embargos, que permitirá aos contribuíntes obter información
sobre os procedementos que lle afecten a través de internet, e unha guía do
contribuínte que estará á disposición dos usuarios nas oficinas do ORAL.
Ademais, este departamento ten xa en funcionamento un
servizo de avisos por mail e SMS no que se pode inscribir calquera contribuínte
e que lle permite obter puntualmente información sobre asuntos de interese en
materia tributaria, como prazos de pagamento, devolución de recibos
domiciliados…
No que se refire ao webservice de embargos, obedece á
necesidade de garantir unha maior e máis inmediata fluidez da información entre
o departamento de xestión tributaria e o contribuínte, dado que cando un
contribuínte ten coñecemento de que ten un embargo, o primeiro que quere saber
é a que obedece.
Ata agora, a solución era desprazarse á oficina do ORAL,
pero o novo webservice permitiralle ao contribuínte obter esa información sen
moverse da casa, a través dun servizo en internet.
Co seu NIF e a cantidade total do embargo ou a referencia
do mesmo, o contribuínte accederá aos datos que lle interesan para poder actuar
en consecuencia.
Guía do
contribuínte
En canto á guía do contribuínte, recolle os distintos
servizos do ORAL, o calendario fiscal, o funcionamento da Oficina Virtual,
impresos para solicitar a domiciliación bancaria dos recibos ou para adherirse
ao servizo de avisos a través de SMS; así como información de horarios,
oficinas ou atención ao contribuínte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario