26 de mar. de 2014

CULTURA

O traballo do Servizo de Patrimonio Documental pretende contribuír a unha mellor conservación dos arquivos municipais



A DEPUTACIÓN ACTUALIZA OS ARQUIVOS MUNICIPAIS DE SALVATERRA DE MIÑO, SALCEDA DE CASELAS, O ROSAL E A ENTIDADE LOCAL MENOR DE BEMBRIVE

·       Os fondos do Concello de Salvaterra de Miño inclúen un interesante e completo fondo documental sobre milicias e quintas desde o ano 1831
·       En O Rosal, malia ás perdas sufridas co paso do tempo, consérvase un amplo conxunto documental con abondosa documentación do século XIX e XX
·       Bembrive é a primeira entidade local menor na que a Deputación organizou e inventariou o seu arquivo, que conta con información desde 1945 ata a actualidade
A Deputación de Pontevedra, a través do seu Servizo Técnico do Patrimonio Documental e Bibliográfico, rematou o proceso de actualización dos arquivos documentais dos concellos de Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e O Rosal, así como da entidade menor de Bembrive.
Malia que nos tres arquivos municipais se detectou, en maior ou menor grao, certa perda de escritos, consérvanse en boas condicións amplos conxuntos de documentos de interese para achegarse ao coñecemento da historia recente dos tres concellos.
No caso de Salvaterra de Miño, destaca a documentación relativa as quintas e milicias, dado que se conservan testemuños continuados dende 1831. Tamén se conserva abondosa documentación relativa aos padróns municipais e á contribución territorial rústica correspondentes ao século dezanove.
O resto dos fondos pertencen fundamentalmente ao século XX, aínda que orzamentos e contas municipais se conservan desde 1886 e as actas do Pleno desde 1887
En total, este arquivo municipal conta hoxe cun total de 3.662 caixas ou bloques de documentación que vai desde 1831 ata 2013. Toda esa información está inventariada, catalogada e organizada nunha ampla base de datos formada por 25.537 rexistros que permite a localización sinxela e rápida de calquera expediente.
Conservación total de actas de órganos de Goberno
Do mesmo xeito, en O Rosal consérvase un notable volume de documentación en perfectas condicións. Destacan especialmente as relativas á Facenda e aqueles que fan referencia ao control urbanístico. Destaca tamén a conservación total das actas do Pleno, Comisión Municipal Permanente e de Goberno, e as da Xunta Municipal de Asociados do presente século, fontes importantes de información sobre o devir do municipio e que non é frecuente que se conserven íntegros.
A última actualización deste arquivo supuxo a incorporación de 117 novas caixas de documentación correspondente aos últimos anos co que conta cun total de 3.232 unidades de instalación (caixas ou bloques de arquivo de documentación). O conxunto inclúe testemuños desde 1847 ata 2013, inventariados e organizados nunha base de datos formada por 18.545 rexistros.
O século XX centra a información de Salceda
No caso do Concello de Salceda, rexístrase unha evidente perda de documentación, con moi escasa información relativa ao século XIX.
No entanto, a documentación que se conserva presenta un bo estado. Son, en total, 3.277 unidades de instalación, das que 357 se corresponden cos documentos que o concello xerou nos dous últimos anos e que foi inventariada, catalogada e incluída na correspondente base de datos informatizada nesta última actualización do arquivo. En total, a base de datos conta con 17.104 rexistros e o documento máis antigo data de 1840.
Do século XIX consérvase, fundamentalmente, documentación relativa a quintas e á xestión económica. Destaca entre esta a relativa a impostos e taxas, con testemuños sobre á contribución territorial rústica e urbana dende 1846. Tamén figuran libros de actas do concello desde 1840, mentres que dos outros órganos colexiados, tales como a Comisión Municipal Permanente, son moi escasos os que se conservan anteriores a 1925. A partir desta data os libros da antedita comisión están completos.
Gárdase tamén testemuño documental de padróns de habitantes dende 1857 e documentación de quintas e recrutamentos dende 1861.
O maior volume de documentación (o 46 % do total), é a relativa á Facenda, con documentos de orzamentos municipais, conservada dende 1844, aínda que soamente con certa continuidade a partir de 1925.
Séguelle en volume (o 30,5 % do total) correspondente á sección de Servizos, con documentación relacionada coa xestión e control das obras municipais ou particulares, o control das instalacións industriais e comerciais e urbanismo, case todos correspondentes ao século XX.
Entidade local menor de Bembrive
Finalmente, os técnicos de Patrimonio Documental procederon tamén á actualización do arquivo da Entidade Local Menos de Bembrive, que conta a día de hoxe cun arquivo formado por máis de 2.726 rexistros de documentos ou grupos de documentos de entre 1945 a 2014.

A maior parte do fondo documental corresponde á sección de Facenda (56%), con testemuños dende o ano 1945. Do resto da documentación destaca a referida ao patrimonio da Entidade Local, con algún documento anterior á propia constitución da Entidade; así como os aproveitamentos e poxas de madeiras e as obras levadas a cabo directamente pola propia institución.

Ningún comentario:

Publicar un comentario