28 de feb. de 2014

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN COLABORA CO CONCELLO DE BAIONA NA MUSEALIZACIÓN DA CASA DA NAVEGACIÓN

A Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación para os traballos de deseño, montaxe e mantemento das salas de exposición
·       Os traballos contan cun orzamento de 150.000 euros
·       A colección visitable instalarase na Casa María Carvajal
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou, na súa xuntanza desta mañá, o expediente de contratación para a musealización da Casa de Navegación de Baiona.
Os traballos contan cun orzamento de 150.000 euros e suporán o deseño e montaxe das salas de exposición da Casa María Carvajal dedicadas ao mundo da navegación e o mar.
O obxectivo é crear un museo vivo e dinámico que dea fe da profunda vinculación histórica de Baiona coa navegación e a súa relevancia como porto marítimo. Incluiranse representacións históricas de modelos de navíos, instrumentos náuticos, mapas, as pezas arqueolóxicas recuperadas durante os traballos de ampliación do porto pesqueiro e abondosa documentación.
Unha vez recuperado o edificio no que se vai instalar esta colección visitable, agora a Deputación saca a licitación o deseño, subministración, instalación e mantemento dos equipamentos museográficos.
Así a empresa adxudicataria deste concurso será a responsable de deseñar e montar a exposición permanente; deseñar o equipamento e instalación das distintas salas; subministrar e instalar (por parte de equipos técnicos especializados) os elementos de iluminación en todos os espazos destinados a exposición, e que se situarán no baixo e no primeiro andar do edificio; así como a instalación de filtros anti UVA nos vidros das fiestras.

Deberá tamén formar ao persoal da Casa da Navegación no manexo dos equipos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario