ONTE CELEBROUSE NA IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA O CONCERTO DE VILANCICOS E PANXOLIÑAS
O evento foi organizado pola Agrupación Coral Polifónica de A Guarda
Tódolos coralistas interpretaron en conxunto, o vilancico "Adeste Fideles"
Foto: Eduardo Rodríguez Pereira
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Como ven sendo tradición desde fai bastantes anos, a Agrupación Coral Polifónica de A Guarda organizou o Concerto de Vilancicos e Panxoliñas, que tivo lugar onte día 22 de decembro, desde ás 17:35 h., na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda.
Presentado polo párroco D. Jesús García Villadónica, que nos intres previos o concerto disertou amplamente sobor do senso destas datas do Nadal, e tamén do amor e da ilusión de picariños e maiores, citando o efecto unha frase do escritor ruso Fiódor Mijáilovich Dostoyevski; o evento contou coa participación dos seguintes grupos:
- Grupo de Corda Antorcha, dirixido por María José Baz Martínez, coa participación en un dos temas - con letra e música da própia María José Baz - de dúas compoñentes do Grupo de Pandereteiras Tambaluca.
- Coro Infantil do Colexio PP. Somascos, dixirido por Mari Silda Sánchez Lomba.
- Coro Arpegios Cantabile, dirixido por Lucía Alonso Castro.
- Agrupación Coral Polifónica de A Guarda, dirixida Mari Silda Sánchez Lomba.
Como ven sendo costume, o concerto remataría coa interpretación conxunta de tódolos participantes, do vilancico en latín "Adeste Fideles", de John Reading.
"Adeste fideles laeti triumphantes
Venite, venite in Bethlehem
Natum videte, Regem angelorum
Venite adoremus, venite adoremus
Venite adoremus Dominum (...)"
Nesta edición botamos de menos o Coro do Clube da Terceira Edade e Pensionistas de A Guarda, que non participou no tradicional Concerto de Vilancicos e Panxoliñas.
Asemade, esta vez non houbo os tradicionais pinchos, cos que a coral anfitriona agasallaba a tódolos coralistas. Nesta ocasión á Agrupación Coral Polifónica de A Guarda, fixo entrega de uns grandes botes de vidro - como os que había antigamente nas tendas de ultramariños - totalmente ateigados de bombóns, agasallando tamén o presentador, que pola súa expresión, non contaba rematar súa intervención recibindo tan ocorrente e doce agasallo.
A GUARDA PRECISA URXENTEMENTE UN AUDITORIO MUNICIPAL
Unha vez máis, onte comprobouse á necesidade que tén o Concello de A Guarda, de un Auditorio Municipal. Xa o dixemos en ocasións precedentes e voltámo-lo a decir novamente. A Corporación Municipal de A Guarda debe proporse conquerir a medio prazo - poñamos por caso, en dous cuatrienios - o desexado Auditorio municipal. Suxerimos que súa ubicación sexa no solar do antigo colexio público Manuel Rodríguez Sinde, onde logo dos traballos previos necesarios, se poida levar a bó termo unha nova edificación. Na que ademáis de un aforo que non sexa inferior o que tiña o desaparecido Teatro Cine Avenida, dispoña de un amplo esceario - onde poidan actuar conxuntamente, por exemplo, a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda e unha coral -; locais de ensaios, aseos, aulas,...
Sabemos que o concello por sí soio, probablemente non poida afrontar o investimento necesario. Haberá que contar con recursos própios e tamén cos de outras institucions (Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Goberno do Estado,...) e tamén, das tres Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. Hai que xunguir vontades e dispoñibilidades económicas para que o Auditorio Municipal de A Guarda sexa unha realidade máis axiña que tarde. A Guarda non pode seguer por máis tempo, orfa de un Auditorio Municipal que reemprace o desaparecido Teatro Cine Avenida.

Ningún comentario:
Publicar un comentario