CON
BARQUEIRA E REMADOR,
ANTOLOXÍA POÉTICA QUE UNE LINGUAS E
CULTURAS, HOXE NO SARMIENTO
·
A obra
presentada esta mañá en rolda de prensa no Pazo Provincial, presentouse ao
público pola tarde no Edificio Sarmiento coa presenza de Yolanda Castaño
A deputada
provincial Ana Isabel Vázquez presentou esta mañá no Pazo Provincial a obra Con barqueira e remador, xunto o
secretario xeral da Xunta, Anxo Lorenzo; Valentín Gómez, director Xeral de
política lingüística; Javier Bas, alcalde de Redondela e a poetisa Yolanda
Castaño.
Se trata da obra
resultante do Obradoiro Internacional de Tradución Poética no que poetas de
seis linguas e culturas diferentes, se xuntaron para achegarse ao coñecemento
mutuo das súas culturas, idiomas e realidades e crear así este poemario onde
linguas con gran número de falantes como o ruso se dan a man con outras de
ámbito máis reducido como o islandés, o catalán, o finlandés, o esloveno ou o
propio galego.
Con barqueira e remador recolle o traballo de poetas que cren na súa lingua e na súa cultura e a
defenden, e que o fan desde unha visión global e universalizadora; conscientes
de que unha cultura pechada e ensimismada é unha cultura morta, mentres que
cando se abre ao mundo renace, cobra forza e vitalidade.
O escenario, a Illa
de San Simón, a illa na que cantou Mendiño, convértese no lugar de encontro de
poetas no que acolleu durante sete días aos autores desta antoloxía.
Lingua e cultura universal
Ana Isabel Vázquez
destacou que se trata unha aposta pola cultura galega e pola nosa lingua, “como
diciamos na presentación de Babelia o pasado ano, se algo teñen as linguas é
que non se desprezan, senón que se enriquecen mutuamente; non separan, senón
que unen, e por iso esta obra se converte nun proxecto expansivo e unha forma
de universalización”.
Pola súa parte,
Yolanda Castaño calificou esta obra como unha xoia de defensa e apoio da
lingua, un proxecto no que seguir traballando como así se fará no vindeiro
taller que se desenvolverá na Illa de San Simón con 7 novos poetas entre o 14 e
o 19 de outubro entre os que estarán Gökçenur Ç; Kätlin Kaldmaa; Anna T. Szabó,
Samira Negrouche, Lawrence Schimel, Xuan Bello, e o galego Isaac Xubín.
Esta tarde a obra se
presentou ao público no Edificio Sarmiento, un espazo para a Cultura con
maiúsculas, nas súas máis variadas representacións: tanto para a que ten
séculos de historia como para a que, coma esta obra ou as que se expoñen na
mostra de Novos Valores, acaba de nacer; tanto para a que xurdiu na mesma
provincia como para a que cruzou mares e montañas para chegar ata aquí.
O evento desta tarde tivo lugar ás 20.00 na Sala Sánchez Mesas-Fernández de Tejada do Edificio
Sarmiento e contará coa presenza de Yolanda Castaño e a deputada provincial,
ademais de dous dos participantes do I Obradoiro, acompañados dun recital de
arpa celta “Lendas do Mar” a cargo de José Maquieira.
A través desta
publicación a Deputación de Pontevedra amosa o seu compromiso de colaboración
na difusión de obras que, coma esta, contribúen a enriquecer a cultura e a
lingua galega, non só axudando a difundila máis alá de fronteiras, senón tamén
permitíndolle beber doutras linguas e doutras culturas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario