MÚSICA
II Muu! Reggae Jamming no Xancarajazz
Asociación
Minho Reggae / Vigo
A Asociación Minho Reggae xunto a Muu! Studios organizan a segunda Muu! Reggae Jamming este venres, 22 de febreiro, na sala viguesa Xancarajazz. Un evento que forma parte do Festival Grito Rock, o maior Festival colaborativo de artes integradas do mundo, onde España é un dos 30 países que participan este ano. Tras o éxito da primeira edición, temos unha nova oportunidade para ver sobre o mesmo escenario aos representantes máis destacables deste estilo no sur da provincia de Pontevedra que reinterpretarán clásicos da música xamaicana pero tamén crearán novos sons grazas á improvisación. Todo aquel que o desexe poderá participar tan só ten que levar o seu instrumento.
Músicos de bandas como Zamaramandi, Transilvanians ou Meninos Carentes, entre
outros, reuniranse este venres, a partir da media noite para ofrecernos unha
sesión de música reggae de calidade e experimentación. Unha oportunidade
única para ver en directo a todos estes artistas, cunha ampla traxectoria
musical, mesturando a súa creatividade para crear ritmos que nos levarán até a
Xamaica da década dos setenta e oitenta. Roots, reggae, dub, pero tamén sons
africanos a través dos pais deste estilo como os The Wailers, Bob Marley, Peter Tosh ou Steel Pulse, que revivirán no
Xancarajazz.
Este era un proxecto que a Asociación viguesa Minho Reggae levaba
perseguindo nos últimos tempos. Conseguir unir a maior parte dos músicos,
grupos, colectivos e amantes do reggae nun evento no que se reflectise que na
escena viguesa tamén hai un oco para a música xamaicana. Para iso uníronse
novamente co estudo de gravación e ensaio Muu¡¡, que dende hai once anos
vén traballando con bandas como Guezos, Ergom, Lamatumbá, Noitarega, The
Tumbitas, Supa Scoopa, así como con algunhas das formacións máis
representativas do ska e reggae da escena local, como os Transilvanias, Natural
Green, Zamaramandi ou Meninos Carentes.
Dende hai catro anos a Asociación traballa pola difusión, promoción e
apoio do reggae, non só no Sur da provincia de Pontevedra senón tamén en toda
Galicia e Portugal, onde en setembro de 2012 organizaron a terceira edición do
Minho Reggae Splash que congregou a un milleiro de persoas, chegadas das
dúas marxes do Miño, para gozar de boa música e bo ambiente. Grazas ao seu
labor nos últimos anos puidemos ver nas Rías Baixas bandas que nunca chegaran
até a nosa Comunidade como os madrileños Blueskank e Goymamba, os arxentinos
Holypiby ou o londiniense Benjammin, entre outros.
Agora céntranse no eido local para demostrar que Vigo e a súa contorna
tamén ten moito que dicir no reggae con propostas interesantes, artistas e
bandas que xa están levando a súa música a outras comunidades como Madrid. Este
venres teremos a ocasión de velos todos xuntos na sala viguesa Xancarajazz (
rúa Isabel II, ao carón do Fraga) a partir das 00.00 horas. O custe da
entrada é de tres euros. Dende a organización do evento convidan a todos os
músicos que o desexen a participar tan só teñen que levar o seu instrumento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario