20 de set. de 2012

O CONDADO



O Goberno de Núñez Feijoo investiu máis de 115 millóns de euros no Condado, explican os candidatos populares Cores Tourís e Nava Castro

Infogauda / Ponteareas

 Os candidatos do PP ás eleccións autonómicas pola provincia de Pontevedra, Cores Tourís e Nava Castro reuníronse esta mañá na sede comarcal de Ponteareas para facer balance desta lexislatura que agora remata acompañados polo alcalde, Salvador González Solla.

Castro explicou que no que vai de lexislatura o Goberno de Núñez Feijoo investiu na comarca do Condado un total de 115,16 millóns de euros. “Uns datos moi positivos para a comarca, pese a que foron uns anos caracterizados pola austeridade e nos que houbo que facer máis con menos medios. Pero que tiñeron o aval dun gran xestor”, explicou a candidata de Ponteareas.

A candidata popular sinalou que en materia medioambiental a Xunta investiu 3,5 millóns de euros. A modo de exemplo Castro citou o saneamento do Concello das Neves, a adecuación do entorno da EDAR de Mondariz Balneario, ou o 1,1 millóns de euros investido na ETAP de Ponteareas.

Nava Castro destacou ademais o investimento na promoción empresarial realizado nesta comarca pola Consellería de Economía e Industria, derivadas das axudas do IGAPE que ascenderon a 27,7  millóns de euros e se destinaron a potenciar o crecemento económico e empresarial na comarca. “Unha axuda inestimable para a creación de postos de traballo”, puntualizou a candidata popular.

En materia de educación e cultura, Nava Castro subliñou os preto de 4 millóns de euros que a Consellería correspondente investiu nos CEIP e IES da comarca, dándolle especial importancia ás obras que se levaron a cabo no CEIP de Mondariz ou no Infante Felipe de Salvaterra de Miño.

Pola súa parte, Cores Tourís, explicou que grazas aos plans de cooperación postos en marcha na comarca, 340 persoas dos 5 concellos da comarca foron contratadas grazas a estas axudas.

En canto aos investimento máis importantes realizados na comarca en materia de benestar social, Tourís sinalou o Centro de Día de Mondariz, cun investimento de 1 millón de euros.

Subliñou tamén que o número de persoas dependentes atendidas na comarca ascendeu esta lexislatura ata nun 413,68%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario