31 de maio de 2012

A GUARDA


O BNG presenta unha moción na Guarda para comunicar o Baixo Muro e a Ireira

Esta actuación permitiría a recuperación dun espazo público que nunca se debeu perder”

Infogauda / A Guarda

O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción na que se solicita que se abra a comunicación entre a rúa do Baixo Muro e a rúa Ireira.
Para o BNG a actual situación de isolamento que está a padecer a zona do Baixo Muro fai que as persoas que alí viven ou deciden estabelecerse teñan que facer fronte cada días a uns accesos nada desexábeis.
Cabe sinalar que no seu momento, o Baixo Muro comunicábase coa rúa Ireira seguindo o perímetro da antiga muralla medieval, estrutura que lle dá nome á propia rúa.
É de vital importancia a posta en valor todo o noso patrimonio cultural, así como a potenciación de barrios e áreas que pola falta de accesos axeitados poden acabar por despoboarse, salientou Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.
Para o BNG recuperar a conexión entre a rúa Baixo Muro e a rúa Ireira suporía a posta en valor do vello muro como atractivo turístico consolidando o perímetro do núcleo urbano medieval. Permitiría a recuperación dun espazo público que nunca se debeu perder abrindo unha comunicación co resto do casco urbano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario