10 de abr. de 2012

A GUARDA

O PP de A Guarda denuncia a permisividade do alcalde ante os insultos e interrupcións proferidos  durante os plenos á voceira popular

·       Non é a primeira vez que transcorren uns feitos similares por parte dunha mesma persoa, “que parece que se dedica a ir ao pleno a defender con insultos, o grupo de goberno” sinalan os populares.

                                        Infogauda /  A Guarda

           Fátima Iglesias, voceira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de A Guarda


O Partido Popular de A Guarda denuncia  permisividade e pasividade do alcalde ante os insultos proferidos durante  os plenos ordinarios por un familiar directo do alcalde guardés  á voceira  popular, Fátima Iglesias.

Segundo os populares, no transcurso de diferentes plenos ordinarios celebrados nesta lexislatura, unha persoa que asiste aos plenos como público, levántase do seu asento durante as intervencións da voceira popular para increpala e insultala ao tempo que abandona a sala, para reincorporarse pasados uns minutos.
Tamén o público interrompe o pleno en ocasións sen que o alcalde guardés tome algunha medida ao respecto.
 Na derradeira ocasión na que acontecía esta situación, a voceira popular, facendo uso do seu turno de palabra afirmou: “(... ) é lamentable que a voceira dun partido político sexa interrompida e insultada durante o transcurso do pleno e solicito ao alcalde, que tome medidas ao respecto desta señora, xa que é a segunda vez que me interrompe e insulta durante unha sesión plenaria (...)
 Nesta liña, Iglesias lamenta a actitude irresponsable do alcalde ao permitir estas interrupcións, incorrendo nunha ilegalidade, “pois ao público asistente non lle corresponde intervir durante o desenvolvemento do pleno, pero neste caso permitiu incluso insultar e menosprezar a unha concelleira”.
Os populares explican que durante a interrupción, casualmente ademais, producíase no mesmo pleno onde se debatera unha moción do partido socialista na que a tenente alcalde acusaba ao Partido Popular de mermar os dereitos das mulleres, que como queda constatado é “simple palabrería dos que presumen de talante e de respecto pero que despois non o poñen en práctica”.
A día de hoxe, nin o alcalde nin o goberno local, se pronunciaron sobre os feitos acontecidos ante a voceira popular, algo que os populares guardeses lamentan, o que demostra a falla de autoridade e a permisividade do rexidor guardés.

Ningún comentario:

Publicar un comentario