3 de feb. de 2012

PEDORNES (OIA)

Actividades para o domingo día 5 de febreiro (teatro) ou que comezan ese día (dúas exposicións fotográficas) no Centro Cultural de Pedornes



Manuel Ángel Pombal Diego / Pedornes


Exposición: “Bionatura Miñota”

Centro Cultural de Pedornes (Oia)


As Asociacións Cultural “San Mamed” e de Veciños “A Muruxeira” da parroquia de Pedornes en colaboración con ANABAM organizan a exposición fotográfica titulada “Bionatura Miñota”.

Bionatura Miñota consta de mais de 70 instantáneas de gran formato (aproximadamente 42 X 30 cm) que foron tomadas no entorno natural do Baixo Miño polo fotógrafo de ANABAM, D. Luís Dorado Senra alá polos anos 1999 e 2000. Cada unha delas posúe unha pequena etiqueta explicativa.

A mostra inclúe fotografías de insectos, anfibios, réptiles, aves, e mamíferos, ademais de imaxes da paisaxe natural do Baixo Miño e dalgunhas das actividades e saídas de campo realizadas pola citada asociación conservacionista.

A devandita exposición poderá visitarse durante o mes de febreiro os domingos 5, 12, 19 e 26, así como o sábados día 11 de 16.00 a 22.00 h.

Exposición: “Camiño Portugués da Costa”

Fase Local Concello de Oia

O concello de Oia, en colaboración coa Asociación Cultural “San Mamed” de Pedornes organizan a exposición de fotos do concurso do Camiño Portugués da costa” correspondente á Fase Local Concello de Oia.

Na exposición amósanse as 27 fotos que se presentaron a concurso no concello de Oia, e poderá visitarse os días 5, 11, 12, 19 e 26 de febreiro de 16.00 a 22.00 h no baixo do Centro Cultural de Pedornes.



Teatro: “O Incrible caso do Lobo Feroz”

Grupo: O mellor de cada casa

Este domingo día 5 ás 19.00 h o grupo de teatro “O mellor de cada casa” constituído por preto de 20 actores e actrices, pertencentes ás parroquias de Viladesuso e Pedornes: dende cativos de 6 anos ata xubilados. Todos eles son uns namorados do teatro e ensaian con gran dedicación todas as semanas baixo a dirección de Rosa María Otero. Esta vez preséntannos outra entretida obra apta para todos os públicos que repasa dun xeito diferente contos de nenos por todos coñecidos onde un dos grandes protagonistas é o lobo. Son os contos de Carapuchiña, Os tres porquiños, Os sete (4 na obra) cabritiños, e Pedro e o lobo. É, pois, unha moi boa oportunidade para pasar unha hora entretida, onde non faltaran as gargalladas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario