16 de nov. de 2011

VIGO


Dúas noites de reggae para celebrar o aniversario da Asociación Minho Reggae



Asociación Minho Reggae / Vigo


A asociación cultural organiza este sábado a “JaMaican Session” na sala viguesa Xancarajazz con músicos da escena reggae ska e rocksteady de Galicia e a “Reggae Session” na sala La Iguana o último fin de semana de novembro.
Máis dun ano fomentando o reggae en Galicia, organizando concertos con artistas internacionais e locais e máis dun ano promovendo a cultura da paz e a liberdade. A Asociación Cultural Minho Reggae vén de cumprir un ano de actividade e para agradecer o apoio dos seus socios e todos os seus seguidores organiza un fin de novembro dedicado a este estilo musical xamaicano.
Atrás quedan as dúas edicións do Minho Reggae Splash, festival que organiza o colectivo en Vila Nova de Cerveira. Un dos eventos máis importantes do reggae actual no sur de Galicia e norte de Portugal, que se consolidou como cita ineludible para os amantes deste estilo, grazas á riqueza do seu cartel, con artistas de renome como o londiniense Benjamin, os brasileiros Rutera, ou os lusos One Love Family. Atrás quedan tamén moitos concertos en Vigo e a súa contorna con músicos que por primeira vez pisaban terra galega grazas á asociación. Artistas que non están nos circuítos comercias como os brasileiros DJ Negralha e Bngao ou os arxentinos Holy Pivy.


Dous dos locais máis emblemáticos da noite viguesa o Xancarajazz e a Iguana, foron os escollidos para esta celebración que comezará o sábado, 19 de novembro, a partir da media noite cunha jam na que participarán artistas de coñecidas bandas da escena local como Dakidarría, Transilvanians, Zamaramandi, Meninos Carentes, Gogito e Phantom Club. Baixo a dirección de Antonio Rodríguez, trombonista de Dakidarría e Transilvanians, interpretarán clásicos do reggae, do ska e do rocksteady dos sesenta e setenta. Temas dos grandes fundadores destes estilos como The Skatalites, Arthur “Duke” Reid, Don Drummond ou Prince Buster que encherán o Xancarajazz dos sons da Xamaica.
O sábado seguinte, o 26 de novembro, a festa trasládase a sala a Iguana, con unha sesión dj, na que artistas como Ali Sutta Gator, Selectah in Helicopta & Gendebeat, Jah Molestah, Dj Skio e outro convidados pasaran clásicos e as rarezas do roots, reggae, dub, dance hall, entre outros estilos. Unha oportunidade única de escoitar e bailar estes estilos que na actualidade tan só se poden atopar en contados locais.
A JaMaican Session celebrarase este sábado, 19 de novembro, ás 00.00 na sala viguesa Xancarajazz. O custe do billete será de tres euros. Tamén á media noite comezará a Reggae Session na Iguana, o sábado, 26 de novembro. A entrada custará dous euros. A recadación da billeteira irá destinada á organización de novos eventos na cidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario