CONTINÚA CON MOITA ANIMACIÓN E PARTICIPACIÓN VECIÑAL, Á XXV SEMANA CULTURAL DE PEDORNES
Informa: Manuel A. Pombal / Pedornes
Resumo do martes día 15:
Comezamos coa actividade “Modelaxe con barro e plastilina” ás 17.00 h. Pouco a pouco foron achegándose os nenos, a maioría deles acompañados polas súas nais. Para a modelaxe utilizamos diferentes materiais: arxila para modelado comercial, plastilina e tamén arxila branca que recollemos na canle do regato Vilar (esta veta de arxila quedou ó descuberto despois das riadas do presente ano); esta última arxila resultou moi boa de modelar, e permitiu facer contrastes de colores, mesturándoa coa comercial que é de marrón escuro. Aínda que nalgúns casos precisaron axuda, os participantes usaron os diferentes materiais para confeccionar pezas; entre elas, destacaron as pizzas, os monecos de neve feitos de arxila, as casas, os cinceiros e os cetáceos (utilizamos imaxes de cetáceos como referencia).
A iso das 19.30 h comezou o campionato de Tute que contou coa participación de 11 parellas. Os demais asistentes estiveron xogando ó futbolín, ó tenis de mesa, os zancos, etc., ou ben vendo diferentes documentais, destacando un caseiro realizado por unha bióloga mariña francesa acerca dun barco de pesca de altura (pesca de atún coa arte do cerco) que se encontraba traballando entre Mozambique e Madagascar. No vídeo púidose observar todas as manobras necesarias para liberar un tiburón-balea (dunhas 30 toneladas de peso) do aparello para logo subir a pesca a bordo. Este vídeo chamou a atención tanto dos mariñeiros coñecedores de tales menesteres como das demais persoas polo gran tamaño do cetáceo e polas complexas operacións necesarias para liberalo sen perder a pesca. Impresionante!
Programa para o mércores día 16:
Para a hoxe mércores hai programada a proxección dunha película infantil para as 17.00. Mais tarde, pasadas as 19.30 realizaremos o campionato de Dominó por parellas. Ademais, seguiremos gozando dos diferentes xogos que temos no baixo do centro cultural, ademais de seguir proxectando vídeos e documentais, algúns deles traídos polos propios asistentes ás actividades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario