31 de ago. de 2011

PALESTINA




SOLTAR AMARRAS


Izar a maior! 40 graos ao oriente contramaestre!
Este barco xa parte rumbo a "outro mundo é posible", tripulado por 40 mariñeiros e mariñeiras bregadas nas máis fermosas travesías polos mares do circo e da risa; as súas adegas van cargadas de ilusión e solidariedade.
Tres nacementos:
Hai oito anos, por estas datas, xunto a dous náufragos máis (Mikio e Jhons Pappila), o noso bote chegou a este país sen Estado, era a Segunda Intifada e ademais de abrazos e millóns de risas caéronnos morteiros, mísiles e moitas rifas dos militares israelitas que ocupan Palestina a lume e sangue.
Arafat estaba cercado na Mukata, Ramala parecía sacada dunha película norteamericana da Segunda Guerra Mundial e nós faciamos espectáculos en campos de refuxiados, en checkpoints, entrabamos clandestinos en Belén e saïamos por patas de Gaza.
Xustamente en Gaza comezou esta travesía. Sucedeu naquel instante que unha muller ao finalizar o show achegóuseme cos ollos brillantes e díxome en árabe "grazas por facer rir ao meu fillo, había meses que xa non o escoitaba rir". Desde entón, cada vez que saio a actuar, en calquera lugar do mundo, camiño da montaña de Chiapas ou nunha casa okupa do Raval, lembro esa escena. -Primeiro nacemento-.
Cinco anos máis tarde Israel bombardea o cárcere, ao descuberto, máis grande do mundo, 1400 mortos. Quizais, só quizais, algún deles fosen os nenos que debuxaron nas paredes das súas escolas a un pallaso gordo de Lugo.- Segundo nacemento-.
Catro meses despois do xenocidio israelí en Gaza, volvín a Palestina, esta vez nunha embarcación propia, o barco da esperanza de "Pallasos en Rebeldía". Ramala era xa unha cidade moderna, sen tanques nas súas rúas, puiden visitar Ienín, Nablus e conxeniar coa súa xente traballando a risa como bálsamo para a alma. Coñecín o "Circo Palestino de Ramala" e o "Pequeno Circo de Nablus", demos obradoiros por toda Cisxordania; esta vez algo cambiara, nin sequera nos paraban nos checkpoints. Un día, ao despedirme dos meus novos amigos, unha das profesoras do circo, ao ver que eu me emocionaba, díxome "es afortunado de poder chorar, a nós xa non nos quedan bágoas, perdemos ese dereito" -Terceiro nacemento-.
Hoxe chega a metade da tripulación do barco da esperanza a Ben Gurión e sei que non os van parar, nin interrogar, nin encarcerar e menos aínda expulsar como me pasou a min o ano pasado.
Hoxe, dalgunha maneira, xa empeza o Festiclown Palestina. Hoxe teño o corazón completamente desbordado de agradecemento a todos estes profesionais do circo e do teatro que decidiron vir solidariamente a pór o seu traballo e o seu corpo ao servizo da humanidade. Hoxe camiña este soño que naceu tres veces e que un día quixeron encerrar. Hoxe teño que dicirlle a toda a xente que nos axudaron durante estes dous anos, de duro traballo, que o conseguimos. Atravesamos este muro de silencio cómplice e xenocida que Israel ergueu nas conciencias dos gobernos occidentais.
Por iso, amigos e amigas tripulantes, grazas, grazas por facer que o circo e o clown recuperen a forza e o compromiso doutras épocas e épicas. Grazas por serdes os embaixadores da alegría nun país onde se xoga o futuro de toda a humanidade. Grazas por compartires esta viaxe, cos seus días de sol abrasador, as súas augas salgadas, as súas sombras e as súas luces.
Quizais cometamos erros durante este quince días, quizais nos perdamos nalgunha tormenta, pero sei que tanto esforzo, ilusión e sacrificio chegará a bo porto -a un novo mundo, un mundo onde caiban todas as risas-.



Iván Prado, Xerusalén, 31 de agosto de 2011. Días antes que a ONU debata o futuro de Palestina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario