2 de set. de 2011

O ROSAL



O BNG do Rosal denuncia erros no cobro dos impostos municipais que lle causan prexuízos aos veciños

- “Os erros cometidos polo Catastro e a empresas que se encarga da elaboración dos ficheiros de contribuíntes dalgúns impostos, causan molestias e gastos innecesarios aos veciños e veciñas”, denuncia o BNG

Infogauda / O Rosal




O BNG do Rosal ven de presentar unha proposta no rexistro de entrada do concello, na que solicita “maior rigor na xestión e cobro dos recibos de impostos municipais”, co fin de evitar os prexuízos que se lle causa a veciñanza.

Segundo os nacionalistas, no último mes de agosto, “foron varios os veciños que se puxeron en contacto con nós, e tamén temos visto varios escritos no rexistro de entrada, denunciando a duplicidade e erros nos obxectos tributarios de recibos xestionados por unha empresa privada e polo catastro que despois cobra a ORAL”.

Un servizo privatizado e pouco eficiente
Indican que os impostos referidos a auga e sumidoiros, “é a empresa Aragonta S.L. a encargada de xestionar os ficheiros dos contribuíntes diante da ORAL”. Finalmente é este organismo provincial quen emite os recibos ao cobro.

Os nacionalistas lamentan que a xestión destes impostos, por parte dunha empresa privada, sexa pouco eficiente e represente un custe para os veciños por partida dobre. “Primeiro, para pagarlle con cartos públicos, de todos, á empresa que os xestiona. E segundo, os gastos e molestias que teñen que asumir os veciños para reclamar polos erros que comete a empresa”.

Nese sentido, solicitan que o concello se dirixa á empresa Aragonta S.L., co fin de reclamarlle un maior rigor á hora de confeccionar os datos dos contribuíntes dos diferentes impostos municipais que xestionan.

Erros nos datos do catastro
Así mesmo, o BNG tamén pon de manifesto erros na xestión do Catastro, dependente do Ministerio de Facenda.

Segundo indica o voceiro nacionalista, Alberte Alonso Pereira, “somos coñecedores de varios erros no Catastro e que despois repercuten no cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI)”.
“Os erros son referidos a atribución no catastro de terreos urbanos e rústicos, a persoas que non son titulares dos mesmos, aos que despois lles cobran por bens que non son deles”, incide o edil nacionalista.

Alonso Pereira di que estes feitos provocan que sexan os veciños quen teñan que presentar as reclamacións, para que se proceda a devolución dos importes cobrados indebidamente ou a modificación dos obxectos tributarios, causándolle molestias e gastos innecesarios.

É por iso que tamén instan ao goberno municipal, a dirixirse ao servizo de xestión do Catastro de Pontevedra, dependente do Ministerio de Facenda, reclamándolle maior rigor á hora de fornecer os datos do IBI e rústica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario