31 de ago. de 2011

A GUARDA




O BNG responsabiliza ao Goberno español e ao Alcalde da Guarda da actual situación do ferry



“O BNG presentou en 2010 unha moción na que se solicitaba un compromiso firme e público do Goberno español coa continuidade do ferri A Guarda-Caminha, moción rexeitada polo Goberno municipal do PSOE”






Bloque Nacionalista Galego / A Guarda





Ante as preocupantes noticias que aparecen en distintos medios de comunicación sobre a suspresión do servizo de ferry entre A Guarda – Caminha, o Bloque Nacionalista Galego considera que existe unha responsabilidade directa por parte do Alcalde da Guarda e do Goberno español do PSOE.
O BNG leva denunciando e advertindo dende hai tempo esta situación e da falta de implicación das distintas administracións tanto local, autonómica como estatal.
O BNG presentou en febreiro do ano 2010 unha moción na que se solicitaba un compromiso firme e público do Goberno español coa continuidade do ferry A Guarda-Caminha. Asemade, solicitábase que se realizaran os estudos pertinentes para a realización dun dragado que faga compatíbel o transporte e a actividade pesqueira no río Miño.
A moción presentada polo BNG foi rexeitada polo actual Alcalde, X.M. Freitas, e o seu grupo de goberno, primando os intereses de partido sobre os do pobo da Guarda. As consecuencias, podemos velas neste momento coa posíbel supresión do servizo. Dende ese momento o Alcalde non foi capaz de conseguir nin o máis mínimo compromiso do Goberno español para solucionar o problema do ferry. Así mesmo, a deputada do BNG no Parlamento español, Olaia Fernández Davila, presentou varias iniciativas interesándose sobre o dragado do río Miño e sobre o mantemento do servizo de ferry.
O BNG tiña claro que non había ningún compromiso por parte do Goberno español no mantemento do ferry, ano e medio despois a realidade dálle a razón ao BNG.
“Dende o BNG levamos tempo denunciando esta situación diante das administracións. Xa no ano 2010 dixemos que había que acudir as administracións europeas. O Alcalde coas súas declaracións chega tarde, un ano e medio despois. En todo este tempo non hai nada”, comenta Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.
Para o BNG Goberno español non ten ningún interese nesta vía de comunicación e o Alcalde da Guarda é incapaz de conseguir un mínimo compromiso dos seus compañeiros do PSOE do Goberno central. Outra das administracións que está totalmente desaparecida é a Xunta de Galiza, que algo terá que dicir ante a supresión deste servizo no seu territorio.
O máis grave é que o Alcalde en ningún momento informou en todo este período nin fixo partícipes ás forzas políticas e sociais da preocupante situación na que estaba o servizo de ferry A Guarda – Caminha. Diante da inoperancia do Goberno municipal, dende o BNG solicitamos á sociedade guardesa que se mobilice en defensa deste servizo de suma importancia para o noso concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario