31 de xul. de 2011

O ROSAL



O BNG solicita que a web do concello do Rosal ofreza información actualizada e veraz

Infogauda / O Rosal






O Bloque Nacionalista Galego (BNG) solicitou que se actualizaran as ordenanzas que figuran na web do concello do Rosal. A petición foi realizada na sesión plenaria celebrada o pasado sábado.

Os nacionalistas indicaron que a información que se ofrece na páxina web é oficial, e se as Ordenanzas Municipais non se actualizan, pode dar lugar a reclamacións.

O grupo nacionalista puxo de manifesto que a ordenanza municipal que regula a cesión de stands e carpas para a Feira do Viño, que figura na web para a súa descarga, está totalmente desfasada.

Nese sentido o voceiro nacionalista, Alberte Alonso Pereira, asegurou que nesta edición da Feira, cobrouse por unha carpa, 762,94 euros, cando na Ordenanza da páxina web, aínda figura a cantidade de 646,56 euros polo mesmo concepto.

Así mesmo solicitaron a actualización de todas as ordenanzas. Tanto as que figuran na web como as demais, reflectindo nas mesmas as modificacións realizadas nos últimos anos. Así, indican, poderase ofrecer información veraz aos cidadáns que as queiran consultar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario