18 de maio de 2011

O ROSAL

O BNG presentouse como a única alternativa de goberno e de esquerdas ao PP no Rosal

Alberte Alonso: “Canta máis representación teña o BNG, peor para o PP, mellor para os veciños”



O BNG presentouse, no mitin celebrado hoxe no Centro Polivalente do Rosal, como a única “alternativa de goberno e de esquerdas ao Partido Popular”. Nun local que unha vez máis estaba ateigado de público, o candidato á alcaldía Alberte Alonso, manifestou que foi o BNG quen levou a iniciativa política nos últimos anos, facendo propostas positivas para a veciñanza.

Así, indicou que mentres o PP cala diante da supresión da matrona no Centro de Saúde, ou non fai nada para ampliar a consulta de pediatría, o BNG reivindicou o seu mantemento, a ampliación das consultas especializadas para os nenos e nenas e unha sanidade pública e de calidade.


Dixo tamén, que foi o BNG quen se opuxo ao novo imposto do canon da auga que aprobou e creou o PP co apoio explícito do alcalde. Nese sentido manifestou que só o BNG estivo ao lado dos veciños, defendendo os intereses da maioría, mentres o alcalde adicouse a defender os intereses partidarios e dos seus amigos.

Alberte Alonso tamén se referiu ao novo Plan Xeral, que segundo el, está feito para beneficiar a uns poucos en detrimento do resto da veciñanza e que beneficia especialmente a algún amigo e militante do PP. Criticou así mesmo, a pouca oferta de terreos para vivendas de promoción pública, manifestando que o BNG aposta por ampliar a oferta para que os sectores máis desfavorecidos teñan acceso a unha vivenda digna.




O candidato nacionalista, fixo referencia a unha reunión co comercio local que mantiveron o pasado día 9, na que lle presentaron as súas propostas de Promoción de emprego e de Humanización da praza do Calvario, manifestando que só o BNG se interesou polo sector. Nese sentido, tamén indicou que o nacionalistas son quen de formular propostas para “dinamizar a economía local diante da incompetencia do PP”.


“Vivimos nun concello con moitos recursos, pero moi mal xestionados. Temos de todo: Patrimonio cultural e histórico, un clima envexábel, mar, ríos, a serra da Groba e a do Argallo, unha terra moi agradecida para a horta, para o viño, xente emprendedora...pero todas estas potencialidades están desaproveitadas e polo tanto non repercuten na mellora da nosa calidade de vida. Nós queremos polas en valor para xerar riqueza aquí, no noso concello” enfatizou o candidato.

Finalmente, rematou pedindo un último esforzo a militantes e simpatizantes ata o próximo domingo, para convencer a todos veciños posibles para que voten BNG. “Porque temos un proxecto de futuro, alternativo, ilusionante, modernizador, que defende os sectores produtivos e o comercio local, que trata a todos por igual e, en definitiva, mellorará a calidade de vida dos veciños e veciñas do Rosal” dixo. “Canta máis representación teña o BNG, peor para o PP, mellor para os veciños”, concluiu.

Apoio a Agrupación Musical
Pola súa banda, Carlos Villanueva, número dous da candidatura, fixo referencia ao mal trato que recibe a Agrupación Musical do Rosal, cunha subvención anual de 18.500 euros e comparouna coa do concello de Salvaterra, tamén gobernado polo PP, que reciben máis de 40.000 euros.

Iniciativas no Parlamento polo mantemento da matrona
A deputada Carme Adán, que estivo apoiando a candidatura nacionalista, fixo referencia ás iniciativas parlamentarias presentadas por ela mesma para recuperar a praza de matrona e a ampliación do servizo de pediatría, e comentou os argumentos dados polo PP no debate parlamentario, no que manifestaron que “as mulleres do Rosal estaban perfectamente atendidas pola matrona da Guarda” e que o único que buscaba o BNG era facer “ruído” e que segundo a deputada nacionalista, mostra a pouca sensibilidade do PP diante dunha merma de servizos para as mulleres e nenos do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario