BÚSCASE...
Estou canso de ver que cambian as caras unha e outra vez, pero sempre é o pobo o que paga os erros ou incapacidades dos gobernantes de turno.
A ilusión de todo mosquito sería encontrar un político que:
-Traballase polo ben común e non para satisfacer ambicións persoais, ou asegurarse un posto de traballo agora que hai tanto paro. -Prometese só o que pode cumprir, e cumprise todo o que promete.
-Non esquecese que é só voceiro dos que o votaron para que os representase e non o amo da vida da xente.
-Soubese escoitar todas as opinións e leve a cabo o máis beneficioso para o pobo, votáseno ou non. -Non tivese agradecementos e obrigas especiais (compromisos), para que puidese actuar en liberdade.
-Soubese das necesidades da xente porque non vive dentro da súa propia burbulla.
Serei capaz de encontrar alguén así para o cargo? Por se acaso poño este aviso clasificado:
Búscase político para cubrir cargo de representante do pobo Requisitos:
- Clara vocación de servizo.
- Sen compromisos que non se poidan facer públicos.
- Honestidade comprobable con referencias.
- Idade, non vinculante.
- Estudos, non excluíntes.
- Mobilidade propia (para evitar gastos). - Carné de conducir (para evitar gastos de chófer).
- Idioma oficial bo nivel, co-oficiais valorables (para evitar pagamento tradutores).
- Con declaración de bens persoais antes da toma de posesión do cargo. - Experiencia previa, non imprescindible . - Dispoñibilidade inmediata .
Funcións:
Dirixir, coordinar e aplicar con iniciativa e autonomía as promesas electorais que o levaron ao cargo
Ofrécese:
- Remuneración a convir segundo cumprimento de obxectivos.
- Traslados (en clase turista).
- Dietas (baixas calorías).
- Vestimenta (a cargo persoal, con prohibición de aceptar regalos de firmas de renome).
- Oficina propia (con mobiliario modesto).
Incorporarase a importante proxecto de implantación nacional con duración estimada de polo menos catro anos.
Absterse persoas que non reúnan estes requisitos.
Mandar currículo con foto, o enderezo electrónico desta páxina.
Zzz...Mosquito Capón

Ningún comentario:
Publicar un comentario