16 de mar. de 2011

OURENSE

O CENTRO CULTURAL DA DEPUTACIÓN ACOLLERÁ O CONGRESO PROVINCIAL DE MEDIO AMBIENTE


Infogauda / Ourense


O Centro Cultural da Deputación acollerá entre os días 4 e 8 de abril o Congreso Provincial de Medio Ambiente, promovido pola Deputación e o Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Esta iniciativa foi presentada hoxe e estará coordinada polo profesor Francisco Peña.
O congreso provincial de medio ambiente enmárcase dentro do programa galego de municipios saudables e sostibles, que ten tras de si 47 edicións e pasou xa por 244 concellos, con 4.433 participantes, dos que 870 foron da nosa provincia.

Este foro de debate ambiental ten como obxectivo fundamental contribuir ao desenvolvemento sostible da provincia de Ourense, mellorala xestión nos aspectos ambientais da saúde dos nosos concellos e con elo a vida urbana dos cidadáns, recoñecendo ao medio ambiente como un elemento capaz de producir emprego, renta, saúde e benestar.

A Vicerrectora do Campus de Ourense, María Lameiras, salientou a capacidade de colaboración entre as duas institucións e a importancia deste congreso nunha provincia como Ourense que estreou este ano a titulación de Ciencias Medioambientais.

Lameiras dixo que “o medio ambiente é unha repsonsabilidade común, compartida por todos, que temos o reto de deixarlle un mundo mellor ás novas xeneracións”, ao tempo que salientou a súa tranversalidade ao afectar a aspectos científicos, educativos, empresariais, etc.

O Presidente da Deputación, José Luis Baltar, agradeceu o apoio e colaboración da Universidade e defendeu o reto de “cambiar a xestión medioambiental”. Tamén incidíu en que estamos nun proceso de responsabilidades compartidas que vai de abaixo arriba e que empeza polo cidadán a título individual para ir pasando aos colectivos, concellos, provincias e administracións superiores.

Sobre o papel da Deputación, deixou patente que “o servicio de medio ambiente é hoxe o máis importante da Deputación, tanto en número de traballadores como en actividade”, facendo referencia aos traballos de recollida e selección de residuos sólidos urbanos ou ao tratamento do ciclo completo da auga.

Para este congreso provincial hai 100 prazas (50 con beca) e as inscripcións poderán realizarse no negociado de Formación Contínua da Deputación (988 385214 formacion@depourense.es) ate o día 31 de marzo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario