16 de feb. de 2011

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA OS CAMPAMENTOS DE VERÁN DESTINADOS AOS NENOS DA PROVINCIA


Rafael Louzán anunciou que se incrementarán o número de prazas e as quendas con respecto a outros anos para favorecer a máis nenos



A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo de inscrición para os Campamentos de Verán destinados aos rapaces da provincia nacidos entre os ano 1998 e o 2003. Este ano, segundo anunciou o presidente do ente provincial, Rafael Louzán, ampliaranse o número de prazas para os demandantes.
En total haberá 11 quendas para inscribirse distribuídas entre o 23 de xuño e o 7 de setembro. Os nenos que se apunten pasarán seis días no centro de vacacións da Lanzada. O prezo de inscrición por neno será de 68 euros e entre as actividades que se contemplan inclúese unha visita á illa de Ons.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, sinalou que “os campamentos de verán forman parte dos servizos que ofertamos para os máis pequenos. A nosa responsabilidade como institución é atender as demandas e necesidades dos distintos sectores de idade, vivan no concello que vivan”.
O único requisito para inscribirse nos campamentos é estar empadroado no concello no que se solicita a praza. A incorporación dos nenos ao campamento terá lugar entre as 10 horas e 11 horas do día de chegada. “Tal e como anunciamos temos un compromiso por incrementar o número de prazas con respecto a anos anteriores algo que desminte comentarios realizados sobre o futuro das instalacións da Lanzada”, engadiu o presidente.
Os nenos durmirán en tendas de cinco prazas cada unha. “Os campamentos servirán para que os nenos gañen en autonomía persoal e se interrelacionen con outros rapaces da súa idade doutros lugares. Ademais, son tame´n un xeito de que os pais poidan ter tempo libre para outras ocupacións”, explicou Rafael Louzán.
A documentación coa solicitude de inscrición deberase entregar nas oficinas da Cidade Infantil de Príncipe Felipe ata o 7 de marzo, á atención de Dirección Xerencia de Campamentos . Avenida Montecelo 12, 36161 Pontevedra.
A Deputación destina numerosos recursos a atende as demandas do público máis novo, especialmente no eido deportivo e cultural. “Hai máis de 6.000 nenos nas nosa escolas deportivas nas modalidades de fútbol, judo, marcha, patinaxe, natación, fútbol sala ou rugby. Ademais estamos a construír 70 campos de fútbol de herba artificial en toda a provincia xunto a outras instalacións como pavillóns ou parques públicos”, concluíu Rafael Louzán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario